Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

A saída de día dun turismo en Chantada remata con dous falecidos e o condutor do vehículo ileso

Un tráxico accidente, rexistrado esta madrugada no concello lucense de Chantada, saldouse con dous mozos falecidos. O turismo envorcou cando circulaba pola N-540, á altura do punto quilométrico 53, con tres persoas no seu interior. O condutor do vehículo resultou ileso e os bombeiros tiveron que excarcerar ás vítimas mortais.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ao fío das 00:15 cando varios particulares chamaron para solicitar axuda para os ocupantes dun coche, que estaban atrapados como consecuencia dunha saída de vía. De feito, segundo o relato dun dos alertadores, o accidente puido ser provocado por un xabaril que interceptou a estrada.

Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Chantada e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento do concello chantadino empregaron o material de excarceración para liberar a dous dos ocupantes do turismo sinistrado. Desafortunadamente, nada se puido facer por salvarlles a vida.

Cómpre indicar que os equipos de intervención desprazados ata o lugar informaron ao 112 que, malia sufrir unha crise de ansiedade, o condutor do vehículo resultou ileso. Deste xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, informouse aos psicólogos especialistas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes ou Emerxencias (GIPCE) por se fose necesaria a atención especializada á familia e persoas próximas aos falecidos.

O operativo foi completado polos efectivos de Protección Civil de Chantada e persoal do servizo de mantemento das estradas. Igualmente, pasouse aviso aos axentes da Policía Local.

Tres persoas foron trasladadas polos sanitarios ao intoxicarse por inhalación de gas no Saviñao

Tres persoas precisaron asistencia médica na noite de onte ao presentar síntomas de intoxicación por inhalación de monóxido de carbono. Todo ocorreu nunha vivenda en O Saviñao, Lugo, e, segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as persoas intoxicadas foron trasladadas ao PAC en ambulancia.

Os bombeiros acudiron ao lugar e confirmaron a presenza de monóxido de carbono no inmoble, que puido ser orixinado pola mala combustión da cociña ou mesmo ser resultado da acumulación de lixo no interior da casa.

Sucedeu no lugar da Broza, na parroquia homónima, e foi o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 quen alertou dos feitos ao 112 poucos minutos antes das 23:00 horas. Durante a súa comunicación cos xestores da central de emerxencias galega, había a sospeita de que os síntomas identificados nos pacientes gardasen relación coa presenza de gas detectada polas súas medicións.

Así, para comprobar a situación, desde o CIAE 112 Galicia se puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Chantada, dos axentes da Garda Civil, dos membros de Protección Civil e da empresa subministradora do gas.

facebook twitter instagram