Boletín Informativo das 09:00 horas do día 19/09/2023
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas
Dúas persoas sufriron queimaduras tras unha deflagración por gasolina mentres manipulaban unha rozadoira en Carnota
As dúas persoas foron evacuadas ao Hospital Virxe da Xunqueira, en Cee, tras sufrir queimaduras graves. O GES de Muros rescatou á unha delas, que se refuxiou do lume nunha das habitacións superiores, namentres que a outra conseguiu saír da vivenda coa axuda dun veciño.
Faltaban quince minutos para as 21 horas do luns cando un particular informou dun incendio nunha casa situada na parroquia de Lira, en Carnota. Este mesmo alertador confirmaba que no interior había dúas persoas.
Decontado, os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Cee, do GES de Muros, da Garda Civil, da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cee.
Á súa chegada, e tras valorar a situación, os servizos de emerxencias comprobaron que un veciño conseguira sacar a unha das persoas afectadas. Non obstante, no interior da casa quedaba unha muller, á que os membros do GES procederon a rescatar rapidamente.
Unha vez estiveron ambos implicados atendidos polo persoal sanitario, os organismos que interviñeron comunicaron ao 112 Galicia que estes sufriron queimaduras debido a unha deflagración por gasolina froito da manipulación dunha rozadoira.
O lume resultante afectou á entrada da casa e á habitación na que se refuxiou unha das persoas, e o GES de Muros encargouse de atallar as lapas.
O envorco dun camión de transporte de madeira provocou a interrupción da circulación en Muíños
O propio condutor do vehículo, que foi atendido no punto polos servizos sanitarios, encargouse de alertar ao 112 Galicia dos feitos dez minutos antes das 22 horas do luns: acababa de envorcarlle o camión no quilómetro 56 da OU-540, na parroquia muiñense de Parada de Ventosa. Debido ao accidente, a circulación quedou completamente interrompida.
Urxencias Sanitarias de Galicia desprazou unha ambulancia ata o lugar, atendendo ao ferido, que finalmente non foi evacuado.
A fin de restablecer as condicións da vía no menor tempo posible, desde o 112 Galicia informouse á Garda Civil de Tráfico, aos membros do GES de Muíños e de Lobios e do Servizo Municipal de Protección Civil de Muíños, e aos operarios de mantemento da estrada.
Os servizos de emerxencias confirmaron que, ademais do camión envorcado, os troncos que transportaba quedaron esparexidos ao longo de varios centos de metros de vía.
Pasadas as 7 horas desta mañá, os axentes da Garda Civil de Tráfico confirmaron que a circulación quedara xa aberta en dous dos tres carrís, á espera da retirada do vehículo accidentado.