Boletín Informativo das 13:00 horas do día 18/05/2019
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas
O temporal deixa máis de setecentas incidencias rexistradas polo 112 Galicia
Desde o comezo do día de onte, 16 de xaneiro, o 112 Galicia vén de contabilizar un total de 709 incidencias. Nas últimas horas, entre as 8 e as 12 deste mediodía, foron máis dun cento (102 en concreto).
Os casos máis repetidos tiveron que ver, unha vez máis, coa presencia de árbores e pólas sobre as estradas, ás que se lle viñeron sumando progresivamente incidencias relacionadas con anegamentos en rúas, estradas, ou vivendas (19 no día de hoxe), desprendementos (8) e derrubamentos (5). En moitos puntos da comunidade galega, a caída de árbores provocou o corte de calzadas, principalmente secundarias: por exemplo, en Guitiriz, á altura do quilómetro 6 da LU-P-2303. Sen embargo, as interrupcións da circulación máis importantes tiveron lugar na N-VI, que nestes momentos permanece cortada en ambos sentidos no quilómetro 523 (Begonte) debido a unha importante fochanca e polo seu anegamento. Tamén arios particulares reportaron anegamentos en diferentes puntos da LU-162. Pola súa banda, o desbordamento do río Umia levou ao anegamento da EP-9511, mentres que un particular informaba ao 112 esta mañá de que o Miño, desbordado, estaba a piques de inundar o Balneario Vello de Cortegada (Ourense).
O concello de Begonte, en Lugo, está a sufrir con especial intensidade os efectos do temporal. No quilómetro 525 da N-VI, un condutor tivo que ser trasladado polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061: o 112 Galicia tivo constancia pasadas as 9:40 horas cando un particular chamou para informar dun vehículo que non podía avanzar, xa que o nivel da auga alcanzaba a altura das ventás. Foi un veciño o que finalmente conseguiu axudar á persoa a abandonar o coche, tralo que tivo que ser trasladada, afectada pola auga.No operativo participaron tamén os axentes da Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento das estradas.
Na mesma localidade, esta vez no lugar de Riocaldo, un particular alertou ao 112, ás 9:40 horas, de que tres persoas, entre elas un menor de idade, non conseguían abandoar a súa vivenda, na que a auga acadaba máis dun metro de altura, polo que permanecían no segundo andar á espera de ser rescatados. Tamén en Bergondo, produciuse un caso similar: os efectivos de Protección Civil do Municipio informaron de que ían participar no rescate de catro persoas incapaces de saír da casa, tamén anegada.
Por outra banda, os efectos da neve tamén se comezan a notar. En Navia de Suarna, o condutor dun camión solicitou a asistencia dos servizos de emerxencias ao non poder avanzar ou retroceder pola estrada, a LU-P-3501, cuberta de neve no seu quilómetro 10.
É necesario destacar á súa vez o derrubamento dun muro na rúa Doutor Corbal, en Vigo, afortunadamente sen causar danos persoais. Quedou sinalizado pola Policía Local.
Novos ríos que superaron o nivel de desbordamento
É importante sinalar que actualmente están por enriba do seu nivel de desbordamento os ríos Lérez, en Pontevedra; o Mera, en Ortigueira; o Furelos, en Santiso; o Mandeo, en Aranga; o Mendo, en Betanzos; o Ouro, en Foz; o Parga, en Guitiriz; o Ladra, en Vilalba e Begonte; o Tambre, en Oroso; o Rego das Mestas, en Valdoviño; o Cobo, en Cervo; o Miño, en Lugo, A Peroxa e Ourense; o Sor baixo, no Vicedo; o Xallas 1, en Santa Comba; o Ulla, en Santiso; o Labrada, en Fraga, o Sil, no Barco de Valdeorras; o Avia, en Ribadavia; o Arnoia, en Baños de Molgas; e o Tea, en Salvaterra.
Para evitar situacións de risco, é importe seguir estas recomendacións.