Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha persoa faleceu e dúas resultaron feridas tras saírse da vía o vehículo no que viaxaban na Arnoia

Tres persoas viaxaban no vehículo sinistrado. Dúas, unha delas a falecida, que viaxaba no asento do copiloto, tiveron que ser excarceradas polos servizos de emerxencias.

Ao fío das 11:30 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que acababa de presenciar unha saída de vía no quilómetro 25 da OU-0215, na Arnoia: o vehículo accidentado caeu por un terraplén e quedou envorcado. No transcurso da conversa, o alertador afirmaba observar a unha persoa no exterior. Sen embargo, as dúas restantes eran incapaces de abandonar o turismo polos seus propios medios.

Decontado, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Carballiño, do GES de Ribadavia e da Garda Civil de Tráfico. Á súa vez, foron informados os servizos de mantemento da estrada.

O persoal sanitario comunicaba instantes despois que estaba a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Namentres, os servizos de emerxencias traballaron con celeridade para excarcerar a dúas persoas, tralo que os servizos sanitarios nada puideron facer por salvar a vida dunha delas, que viaxaba no asento do copiloto.

Os dous ocupantes restantes foron trasladados en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

facebook twitter instagram