Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Atopan ao home que leva desaparecido desde o pasado domingo no concello da Estrada

Axentes da Garda Civil confirmaron esta mañá ao 112 Galicia que o home atopado hoxe moi preto da Ponte Ulla, no concello coruñés de Vedra, é a mesma persoa que leva desaparecida desde o pasado sábado, aínda que foi o domingo cando a súa familia denunciou a súa desaparición.

Unha persoa particular foi quen, ao fío das 10:00 horas, chamou ao 112 para indicar que acababa de ver a un home en Ponte Ulla e que lle parecía que podía tratarse da persoa que se buscaba no concello da Estrada.

A partir de aí, os xestores do 112 pasaron o aviso á Garda Civil, quen desde a súa desaparición coordina o operativo de busca. Tras achegarse ao home, os axentes confirmaron que se trataba da mesma persoa e indicaron que xa estaba sendo trasladada polos servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

No operativo participaron ademais dos axentes, servizos sanitarios, familiares e amigos, a Policía Local, os Bombeiros do Deza e os efectivos do GES e de Protección Civil da localidade  e de Caldas. Tamén, o equipo de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e a Unidade de Cans da Estrada se sumaron á procura do desaparecido.

O 112 Galicia xestiona senllas chamadas para o rescate de dúas persoas en situación difícil na Laracha e Carballeda de Valdeorras

Unha persoa cunha fractura aberta no pé e unha muller cunha perna atrapada nun cadeira de ducha mobilizaron a diversos equipos de emerxencia esta mañá.

Nun intervalo moi curto de tempo, entre as 10:30 horas e as 10:50, o 112 Galicia atendeu dúas chamadas, a primeira desde A Laracha e a segunda desde Carballeda de Valdeorras, por mor de dúas persoas que estaban nunha situación difícil.

Na Laracha, unha muller tiña unha perna atrapada nunha cadeira de ducha. Bastou a colaboración da familia e os axentes da Policía Local para liberar a señora. Apenas foron necesarios máis medios, pois atopábase ben dentro da súa situación.

Uns minutos máis tarde, en Carballeda de Valdeorras, unha persoa que participaba nunha proba deportiva, caeu por un desnivel duns 4 metros de profundidade. O golpe provocoulle unha fractura aberta no pé con consecuente dificultade para a mobilidade. Para facer chegar a axuda necesaria neste caso, foi imprescindible contar coa colaboración de moitos efectivos de emerxencias. Así, acudiron á zona profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Valdeorras, GES de Valdeorras, axentes da Garda Civil e mesmo valorouse a posibilidade dos rescatadores do Servizo de Gardacostas. Sen embargo, entre os medios desprazados e os membros da organización da proba, puideron sacar a persoa en padiola e conducila ata a ambulancia.

Este suceso produciuse na parroquia de Casaio, na zona de Pedra Fincada.

facebook twitter instagram