Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Tres persoas trasladadas, unha delas menor, con síntomas de intoxicación debido a unha avaría nun quentador na Coruña

Dous adultos e un menor foron evacuados na mañá de hoxe con síntomas de intoxicación provocados pola  avaría dun quentador na súa vivenda, situada na Rúa da Canteira de Eirís, na parroquia coruñesa de Oza.

Segundo puideron saber os xestores do 112 Galicia, ás 9:15 horas, os profesionais sanitarios que realizaban a atención médica aos afectados detectaron unha concentración de gas na vivenda, posto que os aparellos que o detectan así o sinalaron nada máis entrar no domicilio.

Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros da Coruña que deron indicacións para ventilar a estancia e pechar o subministro de gas.

Finalmente, os dous adultos foron trasladados polos efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e o menor ao Hospital Materno Infantil.

Ata o punto, tras ser alertados polo 112, desprazáronse os axentes da  Policía Local e técnicos da empresa subministradora do combustible co fin de realizar as comprobacións necesarias.

Un incendio obriga a deter un autobús portugués con cincuenta pasaxeiros en Cualedro sen causar danos persoais

Un total de cincuenta persoas se viron afectadas esta mañá por unha avaría no autobús no que viaxaban. Segundo puido saber o 112 Galicia, o mal funcionamento dunha das pezas do motor causou un incendio na parte traseira do vehículo e obrigou a pasaxe a ser trasladada a outro autobús para poder continuar o seu traxecto. Afortunadamente, ninguén resultou ferido.

Ao fío das 09:15 horas, varios particulares contactaron co 112 Galicia para informar dun autobús portugués ardendo na A-52, á altura do punto quilométrico 174, ao paso polo concello ourensán de Cualedro.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias  pasaron aviso aos Bombeiros de Verín e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Unha vez no lugar dos feitos, os servizos de emerxencia confirmaron que ningún dos viaxeiros precisou asistencia sanitaria e que o lume foi apagado con un extintor polo propio condutor do vehículo.

Para tratar de restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o CIAE solicitouse a colaboración da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento das estradas. Os membros de Protección Civil da localidade tamén foron informados por se fora necesaria a súa colaboración.