Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Resulta ferido un operario en Arteixo despois de sufrir unha caída desde varios metros de altura

Un operario foi evacuado polo equipo de urxencias sanitarias despois de precipitarse desde unha altura duns sete metros cando traballaba no teito dunha nave da Travesa de Pastoriza, no concello coruñés de Arteixo.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polo alertador, o ferido traballaba na parte superior da edificación cando parte da cuberta de uralita cedeu. Nada máis ter constancia do suceso, ás 13:00 horas, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e tamén dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Ademais, desde o 112 avisouse tamén aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Caída en Porto do Son
Por outra banda, esta vez no concello de Porto do Son, os servizos de emerxencia tiveron que intervir para axudar un traballador que resultou ferido despois de caer, tamén desde o teito, no lugar de Fieiro, na parroquia de Miñortos.

A chamada de alerta foi recibida polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia ao fío das 11:40 horas. Durante a comunicación, a persoa particular que chamou ao 112 indicaba que un traballador necesitaba asistencia médica tras precipitarse dunha altura de case tres metros.

De inmediato, os profesionais do 112 Galicia pasaron aviso ao equipo de urxencias sanitarias que, unha vez no lugar, tratou de atender o ferido e realizar posteriormente o seu traslado ao Hospital do Barbanza.

Cómpre sinalar que este operativo tamén contou coa colaboración dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade. Igualmente, pasouse aviso á Policía Local.

Rescate de traballador en Outeiro de Rei
Tamén na mañá de hoxe, un operario precisou ser rescatado polos equipos de intervención tras rematar atrapado na gabia na que traballada. Ocorreu ás 10:40 no lugar de Penelas, á altura do número 96, e foi necesaria a coordinación entre os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba e os efectivos do GES de Friol-Palas para liberar o ferido.

Foi un compañeiro do operario quen chamou ao 112 para indicar que o afectado resultara atrapado polas pernas tras caer dentro da gabia na que traballaba e caerlle algo de terra por enriba.

Finalmente, o traballador foi trasladado en ambulancia polos profesionais sanitarios e, ata o lugar do incidente, acudiron tamén os axentes da Garda Civil.

Sofre queimaduras na cara e no pelo cando trataba de sufocar un lume nun pendello

O cuberto ardeu por completo xunto coas pertenzas que se gardaban no interior, entre elas, unha cociña.

Cando os efectivos de emerxencias chegaron ao lugar dos feitos, os propietarios tiñan o lume practicamente sufocado. Procederon, así, a remexer e apartar o entullo co fin de asegurar o completo apagado do incendio.

Con todo, o esforzo da persoa afectada por poñer fin ao lume tivo consecuencias, pois sufriu queimaduras na cara e no pelo, tal e como indicaron, a través do 112 Galicia, os membros do servizo local de emerxencias de Oleiros.

De feito, o ferido foi evacuado nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Complexo Hospitalario Univesitarios da Coruña (CHUAC) para recibir tratamento polas lesións causadas.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, os feitos comezaron ás dez desta mañá coa chamada de alerta dunha persoa particular que pensou que se estaba a producir un lume forestal. Sern embargo, o aviso á Policía Local de Oleiros serviu para descartar esta posibilidade e centrarse nun incendio urbano que comprometía un pendello na Rúa Fermín Bouza Brey da localidade coruñesa. 

Para facer fronte ás chamas, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos membros do servizo municipal de emerxencias, así como dos Bombeiros de Arteixo. Nembargantes, o incendio estaba xa case apagado polo esforzo dos implicados.

Excarcerada unha persoa tras unha colisión entre un camión e un turismo en Ordes

Unha persoa resultou ferida esta mañá nunha colisión na que se viron implicados un turismo e un camión frigorífico en Ordes. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada polos Bombeiros da localidade, ao finalizar atrapada no interior dun dos vehículos accidentados.

O sinistro produciuse ao fío das 11:10 horas, na AC-408. Foi nese momento cando unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do ocorrido.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso á Policía Local, aos Bombeiros de Ordes, a Protección Civil da localidade, á Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da vía.

Resulta ferido ao saltar antes de que envorcase o vehículo gandeiro que manexaba en Brión

Un operario precisou asistencia médica en Brión ao saltar dun vehículo destinado a tarefas gandeiras, concretamente unha carretilla telescópica, uns instantes antes de que a máquina envorcase. Sucedeu na parroquia de Bastavales, uns minutos antes das 11:30 horas.

Unha persoa particular foi quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia. Decontado, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local e da Garda Civil. Ademais, os axentes do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento do GES de Brión e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

facebook twitter instagram