Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Falece un ciclista en Boiro tras caer do vehículo a causa dunha indisposición

Un problema de saúde provocou a caída do ciclista cando se desprazaba pola AC-305, en Cespón, Boiro.

Así o indicaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local a través do 112 Galicia tras examinar as circunstancias do suceso, que se rexistrou pasadas as once desta mañá.

A esa hora, un veciño marcou o 112 para avisar dun ciclista fortemente golpeado a causa dunha caída. Descoñecía as razóns que fixeran precipitarse ao deportista, pero si tiña a sensación de que o seu estado era grave. Tanto así que pouco despois os equipos de emerxencias confirmaron o seu falecemento. Non obstante, vincularon a caída a un problema de saúde previo e non a un accidente.

Ademais dos axentes de seguridade, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos membros do servizo local de Protección Civil.

Con todo, nada se puido facer por esta persoa.

Arde un cadro eléctrico nun centro de transformación en Camariñas

Un incendio provocou danos nun cadro eléctrico situado nun centro de transformación en Camariñas, sen que se rexistrasen danos persoais.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos ás 9:30 horas a través dunha persoa particular.

Axiña, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Cee, a Protección Civil da localidade, á Garda Civil e a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Incendio nunha ceraría
Por outra banda, en Brión, un incendio afectou a unha caldeira de fundición de cera nunha fábrica de velas situada no lugar de Vidaloíso, na parroquia de Bastavales.

Nada máis ter constancia dos feitos a través dunha persoa particular ao fío das 10:20 horas, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento do GES de Brión, da Garda Civil, dos Bombeiros de Santa Comba e da Policía Autonómica e Local.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o lume quedou sufocado ás 11:00 horas.

facebook twitter instagram