Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Dúas persoas feridas, unha delas trasladada en helicóptero, despois dun accidente de tráfico na Capela

Dúas persoas resultaron feridas de consideración nun choque entre dous turismos rexistrado esta mañá na Capela. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as dúas vítimas foron evacuadas ao Hospital Arquitecto Marcide, unha delas nun helicóptero medicalizado mobilizado por Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a outra persoa ferida nunha ambulancia.

O sinistro produciuse ao fío das 11:00 horas na AC-564, concretamente no punto quilométrico 13,600.

Foi unha persoa particular quen alertou do accidente ao 112 Galicia e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros do Eume, á Garda Civil de Tráfico, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e ao servizo de mantemento da estrada.

Ferido un operario ao caer dunha estada en Oia

Un operario resultou ferido esta mañá en Oia despois de precipitarse dende un andamio no lugar de Pedornes, en Oia.

Os feitos sucederon ao redor das 12:05 horas. O persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi quen alertou ao 112 Galicia do ocorrido.

Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Garda Civil e do GES da Guarda.

Finalmente, o traballador ferido foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro.