Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Localizan o corpo sen vida dun octoxenario desaparecido desde onte en Ponteceso

Atopan falecido ao home de avanzada idade que desaparecera no día de onte na parroquia de Cospindo, en Ponteceso (A Coruña).

Foi un familiar quen, pasados dez minutos das 17 horas da tarde, chamou ao 112 Galicia para dar conta da situación e solicitar medios de intervención que puidesen colaborar na busca. Segundo informaba, o home saíra da casa unhas horas antes e non voltara ao domicilio.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia informaron da situación ás forzas da orde, as cales puxeron en marcha un operativo de busca. Así, a partir de aí, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil, dos membros do GES de Ponteceso, dos axentes da Policía Local e dos membros de Protección Civil. Cabe destacar, que a este operativo tamén se sumou a Unidade de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).

Desafortunadamente, ao fío das 12 horas deste mediodía, os servizos de emerxencia desprazados informaban ao 112 Galicia da localización do corpo sen vida do home nunha zona pantanosa a un quilómetro aproximado do seu domicilio.

Un incendio deixa danos nunha casa no Corgo

Un incendio declarado esta mañá nunha casa de dous andares no Corgo provocou diversos danos materiais no seu interior, sen que ningunha persoa resultase ferida.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o lume calcinou o mobiliario da cociña e do salón e o fume chegou a afectar á vivenda na súa totalidade. Por outra banda, os servizos de emerxencia lograron rescatar a un can que se atopaba no segundo andar da casa.

Os feitos sucederon en Chamoso, concretamente no punto quilométrico 489 da N-VI.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para dar conta do incendio ao fío das 10:00 horas. Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros de Sarria, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Garda Civil.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o incendio quedou extinguido ao redor das 11:00 horas.

facebook twitter instagram