Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha persoa foi excarcerada nuha colisión que deixou dous feridos, en Coruxo

Os bombeiros ocupáronse das tarefas de excarceración dun dos implicados, mentres que os servizos sanitarios ocupáronse de atender aos feridos.

Durante esta mañá, ás 11:19 horas no quilómetro 3 da PO-325, un particular informou ao 112 Galicia dun accidente con dous coches implicados.

Segundo o propio alertador, había varios feridos e non sabía con seguridade se estaban atrapados nos vehículos. O 112 Galicia puxo estes feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os Bombeiros de Vigo, así como da Policía Local e Protección Civil da cidade olívica.

Igualmente solicitouse a presenza dos operarios do servizo de mantemento da vía ao haber restos do accidente dispersos pola estrada.

Catro persoas trasladadas tras unha colisión entre tres vehículos en Mos
O accidente produciuse na A-55 en sentido Vigo, na parroquia de San Mamede de Petelos.

O 112 Galicia foi coñecedor do suceso a través dun particular, o cal indicaba que se tratara dunha colisión por alcance entre 3 turismos que, tras o choque, quedaron no carril esquerdo da vía.

Axiña, desde o 112 Galicia informouse tanto á Garda Civil de Tráfico como á Policía Local e Protección Civil de Mos. O accidente saldouse con catro feridos que tiveron que ser trasladados polos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ata o Hospital de Fátima, en Vigo, sen que fose necesaria a excarceración de ningún pasaxeiro dos vehículos.

Do mesmo xeito, tamén se requiriu a intervención dos servizos de mantemento da vía para que proseguise a correcta circulación na estrada.

 

Unha persoa resulta ferida en Castro de Rei despois de colidir dous vehículos

Unha colisión entre dous vehículos saldouse cunha persoa ferida  no municipio lucense de Castro de Rei. Ata o lugar, desprazáronse os Bombeiros de Vilalba para liberar á persoa,  que quedou atrapada no interior dun dos vehículos.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente, sobre as 12:00 horas deste mediodía.  Foi un particular quen, a esa hora, informou ao 112 Galicia dun accidente na N-640, á altura de Ludrio, na localidade citada.  Aínda que nun primeiro momento, o alertante asegurou que non eran necesarios os medios de excarceración, unha vez no punto, os servizos de emerxencia alí desprazados comprobaron que unha persoa si estaba atrapada no interior dun dos vehículos.

Ademais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Vilalba, de Lugo e dos axentes de Tráfico.

Finalmente, os Bombeiros comunicaron que cando chegaron a persoa xa fora liberada. Indicaron ademais, que o furgón onde se encontraba o ferido contiña botellas de gases medicinais, unha delas afectada debido ao impacto, polo que procederon a liberar o contido do recipiente. 

facebook twitter instagram