Boletín Informativo das 13:00 horas do día 18/11/2020
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas
Tres persoas resultan afectadas por inhalación de fume tras un incendio nunha churraría en Melide
Un incendio declarado na cheminea dunha churraría en Melide saldouse con tres persoas que tiveron que ser trasladadas ao presentar síntomas de intoxicación por inhalación de fume, unha frixideira calcinada e diversos danos orixinados nos dous andares do inmoble pola propagación de gases durante incendio. Ademais, un axente da Policía Local que traballaba no operativo foi atendido tamén por intoxicación de fume.
Os feitos sucederon na Rúa Cantón de San Roque, á altura do número 9, preto das 10:30 horas. Nese momento, varias persoas particulares alertaron do lume ao 112 Galicia e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros de Arzúa, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Protección Civil e aos axentes da Policía Local e da Garda Civil.
Evacúan dúas habitacións nun hotel da Coruña
Por outra banda, un incendio declarado nun hotel situado na Avenida de Pedro Barrié de la Maza, na Coruña, obrigou a evacuar dúas habitacións do establecemento , como medida de precaución e sen que ningunha persoa resultase ferida nin afectada.
Concretamente, ardeu un colchón no interior dunha habitación e o lume foi sufocado polos propios medios do hotel. Segundo lle indicaron ao 112 Galicia os bombeiros da cidade, os servizos de emerxencias confirmaron a extinción do incendio e realizaron labores de ventilación.
O incendio orixinouse preto das 11:45 horas e foi unha persoa particular a que alertou a Emerxencias 112 Galicia.
A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia informouse dos feitos a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros da Coruña, á Policía Local e a Protección Civil.
Dúas persoas son trasladadas despois de bater contra unhas pranchas de ferro espalladas na A-6, en Baralla
Dúas persoas de idade avanzada tiveron que ser trasladadas a un centro médico esta mañá despois de colidir o coche no que circulaban contra unhas pranchas de ferro que transportaba outro vehículo e que remataron espalladas na A-6.
Así o comunicaba ao 112 Galicia a persoa que conducía o vehículo que cargaba o paquete coas pranchas. Segundo indicaba no seu relato, a carga estaba no asfalto da autovía, á altura de Baralla, e un turismo acaba de impactar contra ela.
Decontado, o persoal do CIAE 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Sarria, do GES de Becerreá, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento desta vía de circulación, co fin de atender ás persoas feridas e restablecer as condicións de seguridade.
Un operario foi trasladado ao sufrir unha descarga eléctrica nunha nave industrial en Bergondo
Un traballador dunha nave industrial situada no polígono de Bergondo resultou ferido esta mañá despois de sufrir unha descarga eléctrica e caer ao chan. Segundo a información recollida no 112 Galicia, o operario foi trasladado nunha ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
O 112 Galicia tivo coñecemento do ocorrido ás 11:30 horas a través dunha persoa particular.
Acto seguido, os xestores de Emerxencias 112 Galicia requiriron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Garda Civil e Policía Local e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
Por outra banda, o 112 Galicia recibiu, uns trinta minutos antes, a alerta doutro accidente laboral, neste caso en Vigo. Segundo puido saber o 112 Galicia, un operario caeu dunha altura duns seis metros cando traballaba nun andamio nas proximidades da Praia de Fuchiños.
Nada máis ter constancia a través dunha persoa particular, axiña, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local e Nacional e de Protección Civil.
Bombeiros e efectivos sanitarios rescatan a un home que caeu nunha zona rochosa na Coruña
Os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento da Coruña e un equipo médico rescataron esta mañá a un home que resultou ferido ao caer nunha zona de rochas próxima ao lugar do Portiño, na Coruña. Así, os efectivos de emerxencia o achegaron ata ambulancia, na que finalmente foi trasladado a un centro médico.
O 112 Galicia recibiu a alerta do suceso a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia deron conta dos feitos aos Bombeiros da Coruña, á Policía Local e Nacional, a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.