Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha persoa tivo que ser trasladada en helicóptero medicalizado tras sufrir unha indisposición na piscina municipal de Allariz

Unha persoa necesitou ser trasladada en helicóptero medicalizado, esta mañá, despois de sufrir unha indisposición nas instalacións da piscina municipal de Allariz.

A poucos minutos das doce e media da mañá, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que solicitaba asistencia médica para unha persoa que estaba a ser atendida polo socorrista da piscina local, no lugar do Campo de Vilanova.

Nese momento, os xestores do CIAE-112 informaron aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, que confirmaron a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense, para o lugar dos feitos.

Para dar apoio á aeronave, o 112 Galicia tamén lle deu aviso aos axentes da Garda Civil e aos membros de Protección Civil do municipio ourensán.

Finalmente, Protección Civil de Allariz confirmou ao 112 que a persoa foi trasladada polo helicóptero ao hospital de referencia.