Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

A Unidade de Drons da AXEGA colabora na busca dun home desaparecido en Navia de Suarna

O Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) está a intervir nun operativo para dar co paradoiro dun home de cincuenta anos que desapareceu da súa casa no lugar de Ventosa, en Navia de Suarna.

Deste xeito, co emprego de drons, os membros do GALI peitean unha zona próxima á vivenda, na parroquia de Moia, na procura dalgunha pista para dar co home desaparecido.

Cómpre salientar que o 112 Galicia tivo coñecemento da desaparición do home durante a noite do sábado, a través de varios dos seus familiares e, a partir de aí, activouse un operativo, coordinado pola Garda Civil, no que están a colaborar os efectivos do GES de Becerreá, os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cervantes e a Unidade de Drons da AXEGA.

Arde un barco nunha zona de bateas en Bueu

Un incendio declarado nun barco esta mañá en Bueu provocou importantes danos na embarcación, sen que se rexistrasen danos persoais.

Os feitos sucederon nunha zona de bateas, en fronte da Praia de Lapamán, preto das once menos cuarto.

Foi, nese momento, cando varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar do incendio.

Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo, que coordinou o operativo de extinción e no que tamén interviñeron o Servizo de Gardacostas de Galicia e a Garda Civil.

Ademais, está previsto que os Bombeiros do Morrazo leven a cabo tarefas de arrefriamento na embarcación tras ser esta remolcada ao porto de Marín.