Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

As persoas desaloxadas tras o derrubamento dun edificio de Vilalba volven aos seus fogares

Os residentes das edificacións lindeiras ao bloque de vivendas derrubado onte en Vilalba xa volven a estar realoxados nos seus fogares.

Durante as últimas horas da pasada xornada e as primeiras desta mañá, o 112 Galicia foi informado de que as persoas que tiveron que ser evacuadas por precaución, dos edificios próximos ó afectado, xa volvían paulatinamente aos seus fogares. 

Foi na madrugada deste pasado luns cando varios particulares chamaron ao 112 para alertar do derrubamento da fachada dun edificio deshabitado da rúa Pravia. Así, desde o CIAE-112 púxose a información en coñecemento dos Bombeiros de Vilalba, da Garda Civil, da Policía Local e Protección Civil do municipio e dos servizos sanitarios.

Unha vez chegados ao punto, os Bombeiros de Vilalba confirmaron que o edificio comezaba a arder polo que, ademais, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos Bombeiros do Eume, ao persoal do Centro de Coordinación de Incendios Forestais de Galicia e á empresa subministradora do gas.

Logo de sufocar o lume, os medios de extinción continuaron traballando, durante horas, para retirar os cascallos xerados tras o afundimento do edificio. Labor que, os membros de Protección Civil de Vilalba, aseguraron seguir facendo durante uns días para desentullar e asegurar a zona. 

Cabe destacar que no incidente non houbo que lamentar danos persoais, agás, unha muller ferida de carácter leve, que foi atendida polos servizos sanitarios no mesmo lugar dos feitos.