Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha persoa trasladada en helicóptero tras ser atropelada por un camión en Melide

Pouco antes das once e media desta mañá, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que informaba de que unha persoa acababa de ser atropelada por un camión na rúa Progreso, en Melide.

No transcurso desta chamada, o propio alertante, a través dos xestores de emerxencias, contactou cos axentes da Policía Local, que xa estaban no punto. Comunicaban que a persoa atropelada non estaba atrapada, pero si precisaba asistencia médica.

Decontado, o CIAE 112 deu aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, que mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Santiago para o traslado da persoa.

Ademais, dende o 112 Galicia tamén se informou, por se fose precisa a súa intervención, aos Bombeiros de Arzúa e a Protección Civil de Melide.

Dous ciclistas feridos en Bueu
Por outra banda, un choque entre dous ciclistas na parroquia de Beluso, en Bueu, obrigou a trasladar a un deles ao centro hospitalario de referencia.

O 112 Galicia recibiu o aviso, por parte de Protección Civil da localidade, pasadas as dez e media desta mañá. Os membros da agrupación de voluntarios comunicaban que dous ciclistas bateran coas súas bicicletas na estrada PO-315, ao seu paso polo municipio pontevedrés.

Nada máis coñecer esta información, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia mobilizouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061 e deuse aviso tamén aos Bombeiros do Morrazo e á Garda Civil de Tráfico.

Finalmente, Protección Civil aseguraba que un dos ciclistas estaba ferido e tivera que ser evacuado en ambulancia, pola súa parte, o outro ciclista implicado non precisou ser trasladado. 

Dúas persoas foron excarceradas tras colidir dous vehículos nas Pontes de García Rodríguez

Dúas persoas necesitaron ser liberadas do interior do vehículo no que circulaban logo de sufrir unha colisión contra outro coche, no concello das Pontes de García Rodríguez.

Os xestores do 112 Galicia tiveron constancia do accidente de tráfico a través da chamada de varios particulares que informaron do feito. As persoas confirmaban que o choque se producira na AG-64, á altura do punto quilométrico 39, nos carrís de sentido a Ferrol. Ademais, engadían que había unha persoa no interior dun dos turismos implicados que non podía saír do seu interior.

Cos datos recollidos no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia deuse aviso aos Bombeiros do Eume, aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e a Protección Civil do municipio.

Finalmente, os Bombeiros do Eume indicáronlle aos xestores do 112 que tiveron que excarcerar a dúas persoas do interior dun dos vehículos, para ser evacuadas polo persoal sanitario. 

Desde o 112 Galicia tamén se informou ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento do estradas para restaurar a seguridade na vía.

 

Un operario foi trasladado logo de caer desde catro metros de altura en Mos

Un traballador tivo que ser trasladado despois de sufrir unha caída desde unha altura de catro metros, no concello pontevedrés de Mos.

Foi un particular o que, a escasos minutos das 12:00 horas, chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia médica para o operario. A persoa indicaba na chamada que o traballador acababa de precipitarse desde, aproximadamente, catro metros de alto nunha nave do Polígono Industrial da Arrufana.

Inmediatamente, desde o CIAE-112 deuse avisou a Urxencias Sanitarias de Galicia -061, á Garda Civil, á Policía Local e a Protección Civil de Mos.

Ao remate da intervención, os membros do Servizo Municipal da localidade confirmáronlle ao 112 que o operario foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.