Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha persoa foi trasladada tras sufrir unha saída de vía en Vilanova de Arousa

Unha conductora tivo que ser trasladada despois de sufrir unha saída de vía, no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa.

O accidente produciuse ás once da mañá, cando o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa testemuña do feito. Esta informaba de que un vehículo acababa de sufrir un accidente na estrada VG-4.3., arredor do punto quilométrico 4, e solicitaba asistencia médica para a conductora do turismo.

De contado, os operadores do CIAE-112 comunicáronlle os datos recollidos aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, aos Bombeiros de Ribadumia e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Unha vez chegados ao lugar do sinistro, os membros de Protección Civil de Vilanova confirmáronlle ao 112 que a persoa afectada no accidente fora trasladada ao Hospital do Salnés.

Ademais, para garantizar e restablecer a seguridade na vía, desde o Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia tamén se informou ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento de estradas.