Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un home foi rescatado en Valga despois de caer nunha zona de difícil acceso

Un home tivo que ser rescatado esta mañá logo de caer nunha toxeira no lugar de A Eirexe, na parroquia de Setecoros, pertencente ao concello de Valga.

A Policía Local do municipio deu o aviso ao 112 Galicia, pasadas as nove e media da mañá, de que había unha persoa caída nunha toxeira. Por iso, solicitaban axuda, xa que o home se atopaba nun lugar con desnivel e de difícil acceso.

Con estes datos, os xestores do 112 Galicia informaron, ademais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, ao GES de Padrón, á Garda Civil, aos Bombeiros de Vilagarcía e a Protección Civil de Valga.

Tras facer tarefas de limpeza na zona, os axentes da Policía conseguiron chegar ata o home, pero aínda así, precisaban asistencia para mobilizalo e poder achegalo ata un punto onde tivesen acceso os servizos sanitarios. Así, coa axuda dos membros do GES e de Protección Civil, a persoa foi levada ata a ambulancia que, posteriormente, o trasladou ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago con magoaduras e síntomas de hipotermia.

Segundo sinalaron os medios que se desprazaron ata o punto, o home caera onte neste sitio, pero non foi ata esta mañá cando conseguiu dar aviso aos servizos de emerxencias.

Rescatada unha muller na Ruta da Auga, en Meis
Por outra banda, ás doce e media desta mañá, o 112 Galicia tivo coñecemento da caída dunha muller mentres realizaba a Ruta da Auga, no concello de Meis.

O 112 Galicia foi informado deste suceso tras a chamada dun particular, que solicitaba axuda para unha compañeira que se mancara nun nocello, en concreto, o punto aproximado no que se atopaban sería a dous quilómetros do Monasteiro de Santa María de Armenteira, sentido Ribadumia.

Tras ter esta información, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias deron aviso aos servizos sanitarios, a Protección Civil do municipio, á Garda Civil e aos Bombeiros de Ribadumia, xa que se precisaban medios para mobilizar á paciente e trasladala ata o punto ao que se puidese achegar a ambulancia.

Finalmente, minutos antes das dúas da tarde, os Bombeiros comunicaron ao 112 Galicia que a muller xa fora rescatada entre eles, a Garda Civil e o persoal sanitario, e que ía ser trasladada ao centro hospitalario de referencia.

facebook twitter instagram