Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha persoa resulta ilesa logo de precipitarse co seu vehículo por unha ponte en Oza-Cesuras

O 112 Galicia tivo constancia, esta mañá, dun accidente na estrada DP-3203, no concello de Oza-Cesuras.

En concreto, o aviso chegou, pasadas as nove da mañá, a través dun particular, que notificaba a saída de vía dun vehículo, que caera pola ponte do Río Mendo.

Con esta información, os xestores do CIAE 112 Galicia informaron, de xeito inmediato, aos servizos sanitarios, aos Bombeiros de Betanzos, ao GES de Curtis e á Garda Civil de Tráfico.

Malia a aparatosidade do accidente, minutos despois da primeira chamada, o mesmo particular comunicaba que a persoa que ía no coche saíra polo seu propio pé e sinalaba tamén que o vehículo non caera á auga, senón que quedara nunha ladeira.

Finalmente, os Bombeiros que se desprazaron ata o lugar indicaron que o coche quedara envorcado nun desnivel duns catro metros e que sería necesaria unha pluma guindastre para retiralo. Así mesmo, os servizos de emerxencia tamén confirmaron que, afortunadamente, o condutor do vehículo resultara ileso e que non precisaba asistencia sanitaria.

Desde o 112 Galicia tamén se solicitou a intervención do servizo de mantemento de estradas para arranxar a barreira de seguridade da vía, que quedou danada.

Retirado o vehículo que caeu ao mar en Bueu
O coche no que esta mañá perdeu a vida un home ao caer ao mar no porto de Bueu, xa foi retirado da auga por un guindastre.

O accidente produciuse contra as cinco da madrugada cando un particular chamaba ao 112 Galicia para informar de que un coche caera ao mar na zona do porto, concretamente, onde se sitúan os barcos que parten cara a Illa de Ons.

Os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron os feitos en comunicación do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, da Garda Civil Tráfico, de Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo, así como dos Bombeiros do Morrazo, da Policía Local e de Protección Civil de Bueu.

Logo, os axentes da Policía Local confirmaban que o vehículo estaba totalmente afundido e os buzos enviados ata o punto por Salvamento rescataron o corpo falecido do único ocupante do coche.
 

facebook twitter instagram