Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un operario falece tras sufrir unha caída desde un camión en Boiro

Un traballador perdeu a vida, esta mañá, ao caer dun camión, no polígono industrial do concello coruñés de Boiro.

Ao fío das doce e media, un particular púxose en contacto co 112 Galicia para solicitar asistencia médica para un compañeiro de traballo que acababa de sufrir unha caída dende un vehículo. 

Inmediatamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) alertouse ao persoal sanitario, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e aos membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Boiro.

Xa no lugar dos feitos, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061 tan só puideron certificar o falecemento do operario.

Traballador ferido en Brión
Por outro lado, un operario resultou ferido, en Brión, tras quedar atrapado nunha gabia por un desprendemento de terra ocasionado pola maquinaría que manexaba.

Os feitos ocorreron no lugar de Casaldoeiro, en Bastavales, e o aviso ao 112 Galicia douno un particular, arredor das 12:00 horas.

Para o lugar, os operadores do CIAE-112 Galicia mobilizaron ao persoal sanitario, á Garda Civil, á Policía Local, aos Bombeiros de Santa Comba e ao GES de Brión.

Unha vez chegados ao punto, a patrulla da Policía Local comunicoulle ao 112 que a persoa xa non estaba atrapada e, pola súa banda, os membros do GES de Brión notificaron que a persoa foi trasladada ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Caída dende un tellado en Santiago
Tamén en Santiago, resultou ferido de consideración un traballador que se precipitou dende un tellado, en Vía de la Cierva, no Polígono do Tambre.

O 112 Galicia foi alertado por unha testemuña dos feitos, ás once da mañá, e informou ao equipo sanitario, á Policía Nacional e Local da cidade e aos membros de Protección Civil da localidade.