Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Dúas persoas foron trasladadas ao producirse unha saída de vía contra un muro en Cambre

Unha saída de vía, ocorrida no concello de Cambre, saldouse co traslado de dúas persoas.

Tanto o condutor do coche coma unha persoa que foi alcanzada por este resultaron feridas, está mañá, no lugar de Pravio.

Poucos minutos antes das dez e media, unha testemuña do sinistro alertou aos xestores do 112 Galicia. Segundo indicou, un turismo acababa de bater contra un muro, arredor do punto quilométrico 4 da estrada comarcal AC-214, e había unha persoa na beirarrúa, posiblemente atropelada no golpe.

Unha vez recollidos os datos, desde o CIAE-112 notificáronselle aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local de Cambre, que confirmou o atropelo. Ademais, tamén se lle brindou a información aos Bombeiros de Arteixo, a Protección Civil da localidade e ao persoal de mantemento da vía.

Ao final, os membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Cambre comunicáronlle ao 112 que as dúas persoas feridas foron trasladadas en ambulancia.

Os equipos de emerxencia evacúan a unha persoa caída nunha zona de difícil acceso en Quiroga

Unha persoa tivo que ser evacuada polos servizos de emerxencia dunha zona de difícil acceso na que sufriu unha caída, no concello lucense de Quiroga.

O 112 Galicia foi coñecedor dos feitos a través da chamada do persoal sanitario, as doce e media da mañá. Este solicitaba medios de intervención e de apoio para chegar ata unha persoa que acababa de caer dun valado, nunha zona de complicado acceso, do lugar de Conceado.

Deste xeito, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) informaron aos Bombeiros do parque de Monforte e aos membros do GES e de Protección Civil de Quiroga. Xunto a eles, tamén se lle comunicou o suceso aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Finalmente, os efectivos de intervención confirmáronlle ao 112 que a persoa xa estaba na ambulancia e que ía ser trasladada ao Hospital de Monforte.