Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Aparece un home falecido no interior dun coche somerxido no mar en Ponteceso

Un home apareceu falecido, esta mañá, no interior dun vehículo somerxido no mar, en Ponteceso.

Pasadas as 11:30 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa que vía un vehículo na auga, preto do porto da praia de Balarés, e que descoñecía se podía haber xente dentro do mesmo.

Nese momento, os xestores do Centro integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) déronlle aviso ao persoal sanitario, aos Bombeiros de Carballo e aos membros do GES e de Protección Civil de Ponteceso. Ademais, tamén se lle facilitaron os datos á Garda Civil, a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

Minutos despois, xa no lugar, os membros do GES confirmáronlle ao 112 que un buzo que se atopaba nunha embarcación pola zona lles trasladaba que había un varón falecido no interior do vehículo.

Arestora, un equipo de buzos do GEAS da Garda Civil atópase no lugar para proceder coas tarefas de rescate do corpo.

Unha muller tivo que ser excarcerada do interior do coche no que se saíu da vía en Barro

Unha muller requiriu a axuda dos servizos de emerxencia para poder saír do vehículo no que circulaba e co cal sufriu unha saída de vía, no concello pontevedrés de Barro.

A poucos minutos das dez e media da mañá, unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para informar de que un turismo acababa de sufrir un accidente na estrada AP-0506, a altura de Curro, e que quedara envorcado na cuneta. Ademais, afirmábase que no interior do turismo había unha muller que non podía saír ao verse atrapada polo cinto de seguridade.

De inmediato, desde o CIAE-112 Galicia notificóuselle o acontecido aos Bombeiros de Ribadumia e de Pontevedra, aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico e aos membros de Protección Civil da localidade.

Ao remate das tarefas no lugar, a dotación de Bombeiros de Ribadumia confirmou a necesidade que tivo a condutora do coche de ser excarcerada para ser atendida no punto polo persoal sanitario.