Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un amplo dispositivo na procura dunha muller desaparecida en Oroso

Un amplo dispositivo, coordenado e posto en marcha pola Garda Civil, atópase nestes intres na procura da muller, desaparecida desde esta noite no concello coruñés de Oroso.

Foi un familiar quen, ao fío das doce e media desta pasada noite, chamou ao 112 Galicia para informar da falta da muller, que padece determinados problemas de saúde. Segundo explicaba, acababan de chegar á porta do garaxe da vivenda e non a atopaba.

De inmediato, desde o 112 Galicia, comunicáronse os feitos á Garda Civil e, a partir de aí, púxose en marcha o operativo de busca.

Así, desde primeira hora desta mañá, sumáronse ao operativo ademais de familiares e veciños, os efectivos de Protección Civil de Oroso, de Santiago e de Boimorto, así como, un equipo de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA). Ademais, está prevista a intervención da Unidade Canina de Rescate de Padrón para a busca da desaparecida.

Desde a praza do Concello, os axentes da Garda Civil, coordinarán todo o operativo.

Arde un alpendre con diverso material almacenado en Mesía

Ardeu o material almacenado no interior do pendello, en Os Ricos, Visantoña, na localidade de Mesía, véndose tamén afectada a estrutura. Aínda que o alpendre estaba ao carón dunha vivenda, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

Así o comunicaron os Bombeiros de Ordes, que acudiron ao punto nada máis ser alertados polo 112 Galicia.

Faltaban cinco minutos para as dez desta mañá, cando o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que informaba dun lume nunha casa, aseguraba que non había xente no seu interior.

Con estes datos, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros e da Garda Civil. Ademais, informaron aos membros do GES de Curtis, que tamén se desprazaron axiña ata o lugar.

Tras rematar as tarefas de extinción e arrefriar a zona, os Bombeiros confirmaron que o pendello estaba situado nun lateral da vivenda pero que, por fortuna, non se viu afectada polas lapas.