Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha condutora accidentada en Arteixo pide axuda ao 112 mediante o sistema eCall

Ao fío das 12:00 horas, o 112 Galicia recibiu unha chamada de emerxencia, a través do sistema eCall do vehículo, dunha condutora que acababa de sufrir unha saída de vía en Arteixo.

A accidentada indicáballe aos xestores do CIAE-112 que chocara contra a mediana da AG-55, arredor do punto quilométrico 20, nos carrís de sentido Carballo. Ademais, solicitaba asistencia sanitaria ao atoparse ferida tras o impacto.

Deste xeito, desde o 112 alertouse a urxencias médicas, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, aos Bombeiros da localidade e aos membros de Protección Civil.

Tras localizar o accidente, o persoal do 061 confirmoulle ao 112 que tiveron que  ser trasladados unha muller máis un neno.

Para manter a seguridade na vía, o 112 Galicia tamén informou do sinistro ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento da estrada.

A meteoroloxía impide ao equipo de drons da Axega unirse á busca da muller desaparecida en Oroso

O dispositivo de busca da muller desaparecida desde a noite do pasado sábado, no concello de Oroso, vese afectado polas condicións meteorolóxicas.

O equipo de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que se desprazou ao punto á primeira hora desta mañá, tivo que retirarse do operativo debido á mala meteoroloxía.

O operativo na procura da muller, posto en marcha e coordinado pola Garda Civil, segue activo coa participación dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oroso e a Unidade Canina de Rescate de Padrón.

Cómpre recordar que a alerta da desaparición, comunicoulla ao 112 Galicia un familiar da muller, ás 00:30 horas do domingo, momento no que os operadores de emerxencias llo trasladaron aos axentes da Garda Civil que iniciaron, de inmediato, o operativo de busca.