Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Tres persoas resultan feridas tras efectuar un globo aerostático unha aterraxe de emerxencia en Portomarín

Tres persoas resultaron feridas ao aterrar de emerxencia un globo aerostático no que viaxaban once persoas, na parroquia do Castro de Soengas, no concello lugués de Portomarín.

O suceso tivo lugar cando faltaban quince minutos para as once desta mañá. A esa hora, unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia para informar do acontecido. No seu relato informaba dun globo aerostático que aterraba bruscamente nunha zona de árbores, posiblemente, por un golpe de vento.

Con estes datos, os xestores de emerxencias alertaron puxeron os feitos en coñecemento do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Chantada, dos membros do GES de Monterroso, da Garda Civil e do Servizo Aéreo de Rescate. Do mesmo xeito, informouse da situación aos voluntarios de Protección Civil da localidade e ao Aeroporto de Santiago.

Finalmente, segundo a información recollida no 112 Galicia o piloto do aeróstato fixo a manobra de aterraxe debido a unha tormenta que tiña lugar na zona do suceso. Así o confirmaba o propio aeronauta poucos minutos despois de que todos os ocupantes puideron abandonar a aeronave polos seus propios medios.

Compre sinalar que os datos tamén se puxeron en coñecemento da empresa subministradora da luz que abastece a zona, posto que, debido ao impacto, un poste partiu quedando os cables espallados pola zona.

facebook twitter instagram