Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un home, evacuado en helicóptero tras ser alcanzado por un vehículo en Melide

O 112 Galicia rexistrou esta mañá un atropelo na N-547, ao paso por Melide, cuxo afectado necesitou a evacuación urxente en helicóptero medicalizado.

Contra as doce deste mediodía, o ferido foi localizado nunha cuneta por un viandante, que chamou decontado ao número único de emerxencias.

Cos datos facilitados, o persoal do 112 Galicia puxo en marcha os protocolos necesarios para a atención da persoa afectada, como son os recursos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago, e os axentes da Policía Local. Precisamente, os membros de seguridade trataron de aclarar o acontecido e confirmaron que o home foi atropelado por un vehículo cuxo condutor estaba presente e localizado. 

Ademais, avisouse á Garda Civil e aos equipos de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.

Tras recibir os primeiros coidados no lugar do accidente, o doente foi evacuado no helicóptero ao Hospital Clínico de Santiago.

Un veciño de Santiago cae de cabeza a unha xaula de coellos

Un veciño do Carme de Abaixo, en Santiago, recibe asistencia médica logo de caer de cabeza a unha xaula de coellos.

Ocorreu preto deste mediodía, segundo explicou a persoa que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda.

Desde o primeiro momento, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención dos bombeiros da cidade, mais pouco despois, as persoas que estaban co afectado informaron, a través do 112 Galicia, de que conseguiran sacar ao home sen a necesidade da axuda especializada dos equipos de rescate. Iso si, necesitaba asistencia sanitaria debido ás lesións que presentaba no nariz e á debilidade que mostraba.

Por iso, pediuse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ademais dos axentes da Policía Local, que enviaron unha patrulla.  

facebook twitter instagram