Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Os Bombeiros traballan na excarceración dun operario ferido ao caer unha placa de formigón sobre o camión que manexaba en Mos

Os Bombeiros tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar ao traballador, que quedou atrapado tras caer a placa sobre o camión que nese intre manexaba.

Sucedeu en Mos, nunha empresa situada na rúa Anel do Perral, no Polígono de Veigadaña, en Petelos.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente sobre as once desta mañá. Foi a esa hora cando os servizos sanitarios de urxencia contactaban co 112 Galicia para informar do suceso e solicitar medios para liberar a un home que quedara atrapado polas pernas tras caer un muro de formigón sobre o vehículo co que traballaba.

De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Baixo Miño e de Vigo, dos axentes da Garda Civil, da Policía Local e dos membros do GES de Mos.

Nestes intres, os Bombeiros, coa axuda de material especializado traballan na excarceración do ferido, que á súa vez está sendo atendido polos profesionais sanitarios.

Finalmente, o home, tras ser liberado, foi evacuado ao Hospital Povisa de Vigo polos servizos sanitarios de urxencia.