Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Tres persoas resultan feridas nunha colisión frontal en Bergondo

Unha colisión frontal entre dous vehículos deixa tres persoas feridas de diversa consideración na localidade coruñesa de Bergondo. O accidente, que non requiriu de excarceración, produciuse ás 12:00 horas do mediodía á altura do punto quilométrico 1 da AC-164. Os feridos foron trasladados ao centro hospitalario polos servizos sanitarios de urxencia.

Foi un particular o que informou ao 112 Galicia dun accidente con dous vehículos implicados, dun deles saía fume e os coxíns de seguridade de ambos parecían terse activado. No seu relato, indicaba que nun deles viaxaban dúas persoas, mentres que o segundo estaba ocupado unicamente polo condutor. Todos parecían ter dificultades para abandonar os seus respectivos coches polos seus propios medios.

O 112 pasou entón a dar aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Betanzos, á Guardia Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil de Bergondo.     

Foron precisamente os efectivos de Protección Civil desprazados ata o lugar do sinistro os que reclamaron asistencia sanitaria para os implicados. Por outra banda, os Bombeiros valoraron a situación e descartaron empregar o material de excarceración, polo que procederon a axudar aos feridos a saír do interior dos vehículos para o seu posterior traslado.

A consecuencia da colisión derramáronse fluídos sobre a vía que requiriron da actuación dos servizos de mantemento da estrada.