Boletín Informativo das 13:00 horas do día 23/09/2022
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas
Falece un operario tras sufrir unha caída cando traballaba nunha obra en Poio
Un operario perdeu a vida esta mañá despois de sufrir unha caída de altura cando traballaba nunha obra na parroquia de Combarro, no concello pontevedrés de Poio.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o home faleceu sen que os profesionais sanitarios puidesen facer nada por salvarlle a vida despois de precipitarse dun primeiro piso.
Ao lugar do accidente, concretamente Chancelas, tamén se desprazaron os axentes da Garda Civil co fin de coñecer as circunstancias nas que se produciu o suceso, que tivo lugar ás 12:00 horas de hoxe. Ademais, desde o 112 solicitouse a colaboración dos axentes da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil da localidade.
Un incendio nunha cociña deixa unha persoa afectada en Monforte de Lemos
Unha persoa foi trasladada esta mañá ao centro hospitalario despois de producirse un incendio na súa vivenda.
Os feitos ocorreron ás 11:45 horas de hoxe, cando un veciño chamou ao 112 Galicia para informar dun fume nun piso da Rúa Doutor Casares. Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Monforte e aos profesionais de urxencias sanitarias.
Unha vez no lugar, os equipos de intervención informaron que as lapas foron controladas por particulares e que ardeu a campá extractora e algúns mobles da cociña. A persoa que se atopaba no inmoble no momento do suceso foi evacuada polo equipo médico.
Ao lugar tamén acudiron os axentes da Policía Nacional e Local. Tamén, desde o 112 pasouse aviso aos efectivos de Protección Civil de Monforte, por se fose necesaria a súa colaboración.