Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Arde por completo unha casa abandonada na Fonsagrada

Os feitos sucederon no lugar da Pedra, na parroquia de Freixo.

O 112 Galicia tivo coñecemento do incendio a través dos voluntarios de Protección Civil da Fonsagrada, ao fío das 10:00 horas. Segundo indicaron, no lugar se atopaban varios operarios do Concello cunha motobomba para extinguir as lapas. Engadían que descoñecían si algunha persoa podía atoparse no interior.

Con estes datos, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Sarria,  da Garda Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Segundo deron conta os membros de Protección Civil ao 112 Galicia, ningunha persoa se atopaba no interior do inmoble e tamén indicaron que o teito da vivenda colapsara.

Pola súa banda, os Bombeiros de Sarria sufocaron o lume e levaron a cabo tarefas de arrefriamento nas zonas afectadas. Ademais, aseguraron a casa ante a posible caída dalgún cascallo.

Incendio declarado nun garaxe en Ponteareas
Tamén, un incendio orixinado nun cadro eléctrico afectou a un garaxe e a unha casa lindeira no lugar da Granxa, sen que ningunha persoa resultase ferida.

Arestora, os Bombeiros do Baixo Miño comproban nas estancias da vivenda os danos provocados polo lume, co fin de garantir as condicións de seguridade no seu interior.

Tamén acudiron ao lugar dos feitos os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ponteareas e os axentes da Garda Civil, tras ser alertados polo 112 Galicia, que recibiu a alerta do lume ao fío das 11:30 horas.

Os servizos de emerxencias continúan vixiantes por mor das crecidas dos ríos

Malia que a intensidade das chuvias diminuíu ao longo desta mañá, os servizos de emerxencias continúan vixiantes das zonas afectadas pola suba dos caudais.

En concreto, tras o desbordamento do río Tea, ao seu paso por Ponteareas, ao fío das doce e media deste mediodía, un taxista informaba ao 112 Galicia de que os coches non podían circular, debido a que a ponte seguía anegada. Tamén, os Bombeiros de Ponteareas comunicaban que, malia que o nivel da auga estaba a baixar, había moita corrente, polo que continuaban moi pendentes das persoas que foran auxiliadas nas súas casas, debido aos asolagamentos dos baixos dos inmobles afectados.

Por outra banda, en Caldas, os xestores do 112 recibían o aviso dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade, que informaban do peche do paseo de madeira peonil, ao carón do río Umia, tamén por asolagamento.

No mesmo senso, os efectivos do GES de Ribadavia comunicaban a súa saída para balizar e interromper o paso dunha pista de terra ao carón do Avia, por mor do desbordamento do río.