Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Arde un aeroxerador no monte Penedo do Galo, en Viveiro

O incendio afectou a unha zona reducida de masa forestal, que xa foi apagada, mentres que o aeroxerador ardeu por completo e os servizos de emerxencias traballan para extinguir os últimos focos, de carácter residual.

Múltiples particulares chamaron ao 112 Galicia ao fío das 10:30 horas para informar de que estaba a arder un aeroxerador situado no monte Penedo do Galo, en Viveiro, o que provocaba unha densa fumareda visible desde varios puntos. Instantes despois, o lume propagábase á zona de monte. Desde o Servizo Municipal de Protección Civil de Viveiro confirmaban que nas proximidades non había persoas afectadas nin edificacións.

No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de xeito preventivo, a Policía Nacional, os Bombeiros de Viveiro, a Policía Local e Protección Civil do municipio, así como as autoridades medioambientais da Xunta de Galicia e efectivos do distrito forestal da zona.

Os servizos de extinción encargáronse de controlar o lume que se propagara ao monte, de escasas dimensións. No punto quedan efectivos de Medio Rural co perímetro xa delimitado.