Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un home foi rescatado tras caer nunha zona de pedras mentres pescaba en Oia

Os servizos de emerxencias trasladaron á persoa en padiola ao lugar ata o que se puido achegar a ambulancia, a varios centos de metros.

Un particular informou ao 112 Galicia do acontecido, contra as 9:30 horas: o implicado estaba a pescar nunha zona de pedras na Punta da Orelluda, en Oia, cando sufriu unha caída que lle impedía camiñar. Ademais, o rescate complicábase porque a ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 víase obrigada a permanecer a unha distancia considerable do lugar do accidente.

Os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración, ademais dos servizos sanitarios, dos Bombeiros do Porriño, do GES da Guarda e dos axentes da Garda Civil. Informouse á súa vez aos Bombeiros de Vigo, que non tiveron que acudir.

Unha vez no punto, o persoal sanitario confirmou a necesidade de colaboración por parte dos servizos de emerxencias para acceder ata o ferido, a quen levaron en padiola ata a ambulancia, na que se lle trasladou ao centro hospitalario de referencia.

Unha colisión entre dous coches deixa dúas mulleres feridas en Boqueixón

Un dos vehículos quedou envorcado lateralmente, e a súa ocupante foi axudada a saír polo persoal sanitario, que se ocupou de trasladar a ambas feridas.

Desde o 112 Galicia informárase aos Bombeiros de Ordes e de Santiago, á Garda Civil de Tráfico e aos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Foi un particular quen, pasadas as 10:30 horas desta mañá, alertou ao 112 dunha colisión entre dous vehículos nun cruzamento do lugar de Rubial, en Lestedo (Boqueixón). Afortunadamente non foi requirido o uso de material de excarceración: os servizos sanitarios encargáronse de liberar a unha das persoas e de trasladala, xunto coa outra implicada, ao centro hospitalario de referencia.

facebook twitter instagram