Boletín Informativo das 13:00 horas do día 26/05/2023
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas
Unha muller foi excarcerada polos Bombeiros despois de envorcar o coche no que circulaba en Culleredo
O accidente produciuse no punto quilométrico 6,5 da AC-400, ao fío das 11:15 horas.
Foi, nese momento, cando un particular alertaba ao 112 Galicia do accidente. Indicaba na súa comunicación que un coche envorcara e unha persoa estaba atrapada no interior.
Acto seguido, o persoal do 112 Galicia puxo a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Arteixo, do Servizo Municipal de Protección Civil, da Policía Local e do servizo de mantemento da estrada.
Un coche cae desde un muro ao patio dun colexio en Pantón
O vehículo caeu dunha altura de dous metros e rematou no espazo descuberto do colexio, na Rúa de Bispo Páramo Somoza.
No interior do vehículo viaxaban unha muller e unha menor, que resultaron feridas leves por mor do impacto. Segundo a información recollida no 112 Galicia, ningunha persoa máis necesitou asistencia médica.
O 112 Galicia recibiu a alerta do accidente a través dunha persoa particular, uns minutos despois das 9:30 horas desta mañá. Segundo relataba, o vehículo caera dun muro e rematara no patio do colexio.
De xeito inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Monforte.
Tres persoas feridas en Allariz
Unha colisión entre dous turismos saldouse con tres persoas feridas, no punto quilométrico 216 da N-525.
O sinistro ocorreu uns minutos antes das 10:00 horas desta mañá.
Nada máis recibirse o aviso do accidente no 112 Galicia, coa chamada dunha persoa particular, requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Xinzo de Limia, da Garda Civil de Tráfico, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Allariz e do servizo de mantemento da vía de circulación.