Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Máis de 200 incidencias contabilizadas no 112 Galicia por mor do vento e da choiva

Tan só, desde as doce deste mediodía e ata as seis desta tarde, contabilizáronse 123 incidentes.

En total, desde que os efectos deste temporal se deixaron notar, a partir das 00 horas, o 112 Galicia leva rexistrado un total de 242 incidencias.

As tipoloxías máis repetidas foron as relacionadas coa caída de árbores e pólas nas estradas 119 en total.

Por provincias, na da Coruña, o 112 Galicia contabilizou un total de 127 incidencias, seguidas das 58 rexistradas na de Lugo; 45 na de Pontevedra e, por último 12, na provincia de Ourense.

Malia que non se rexistraron incidencias de consideración, destacamos o derrubamento da fachada dun edificio en obras á vía pública, na rúa de Carlos III, en Ferrol. O 112 Galicia recibía sobre as dúas deste mediodía, o aviso de varios particulares que informaban da caída da fachada dun edificio e dun andamio. Indicaban que non había persoas afectadas pero si aseguraban  que parte da fachada caera sobre un camión.

O 112 Galicia, tras recibir a chamada dos alertadores, informaron aos Bombeiros de Ferrol, aos axentes da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Afortunadamente, ao tratarse dunha hora de descanso para os traballadores, ningún deles  se atopaba no punto cando sucederon os feitos, aínda así, ata o lugar, desprazouse a Unidade de Cans de Salvamento de Ferrol, para rastrexar a zona e asegurarse de que ningunha persoa quedara entre os escombros.

Finalmente, os membros de CASAGA, tras rematar a súa intervención, confirmaron aos xestores do 112 que non atoparan nada baixo os escombros.

Cómpre recordar que a nosa comunidade verase afectada nas vindeiras horas pola activación de diversos avisos por meteoroloxía adversa. Por iso, pregamos extremar as precaucións.

Trasladado en helicóptero un home despois de cortarse cunha máquina agrícola en Noia

Un home resultou ferido de consideración esta tarde en Noia ao cortarse nunha leira cunha máquina agrícola. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o varón tivo que ser evacuado a un centro hospitalario no helicóptero medicalizado con base en Santiago, debido ás graves feridas sufridas.

Os feitos ocorreron na parroquia de Boa, ao fío das 13:30 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para alertar do sucedido.

Nada máis ter constancia, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasouse o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, a Protección Civil de Noia e á Policía Local.

 

 

facebook twitter instagram