Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

O 112 Galicia leva rexistrado case un milleiro de incidencias motivadas polos efectos do temporal

Desde o seu comezo, onte, 16 de xaneiro, o 112 Galicia vén de contabilizar un total de 916 incidencias.

Os tipoloxías máis repetidas segue a ser, con diferenza, a presenza de árbores e pólas sobre as estradas, aínda que se foron sumando progresivamente incidencias relacionadas con asolagamentos en rúas, estradas, vivendas, desprendementos e derrubamentos, así como, nas últimas horas, as relacionadas coa presenza de neve nas estradas.

Por provincias, a da Coruña foi a máis afectada cun total de 410 incidentes rexistrados, seguida a de Pontevedra con 229, a de Lugo con 219 e, por último, a de Ourense con 58 incidencias contabilizadas.

En canto ás incidencias rexistradas nas últimas horas, destacamos:

En  Campañó, Pontevedra.- A Garda Civil de Tráfico informaba ao 112 Galicia dunha estrada afundida na súa totalidade. Indicaban que había un coche accidentado na EP-0017, punto quilométrico 0.600. A estrada estaba intransitable. Desde o 112 informouse á Deputación. Os Bombeiros foron informados pola Garda Civil.

O Porriño, ás 13:41 horas,  os servizos sanitarios informaban ao 112 dun coche que chocara contra unha árbore e que caera  na A-52, punto quilométrico 304, en Cans, dirección Crecente. A condutora e única ocupante non resultou ferida. A árbore atravesaba a estrada de lado a lado. Acudiron os axentes de Tráfico, da Policía Local, persoal de mantemento da vía, Bombeiros de Baixo Miño e Protección Civil. A árbore xa foi retirada.

En Bergondo, ás 16:00 horas, tres persoas foron liberadas do interior dun vehículo despois de chocar contra unha árbore na DP-0811, 202, na Campiñá, en Lubre, na entrada do pobo. As persoas resultaron ilesas pero tiveron que ser liberadas do interior do turismo polos Bombeiros de Betanzos.

Un particular alertaba ao 112 Galicia deste suceso. Indicaba que había persoas atrapadas dentro dun coche tras caer un piñeiro. Debido á caída da árbore, tamén resultou danado un poste de alumeado. Acudiron os Bombeiros de Betanzos, os servizos sanitarios de urxencia, Garda Civil de Tráfico, Policía Local, Protección Civil da localidade.

Actualización dos ríos que superaron o nivel de desbordamento
É importante sinalar que actualmente están por encima do seu nivel de desbordamento os ríos Ouro (Foz), Cobo (Cervo), Mera (Ortigueira), Eume-Ribeira (As Pontes) , Mandeo (Aranga e Betanzos), Mendo (Betanzos), Tambre (Oroso), Lerez (Pontevedra), Ladra      (Vilalba, Begonte e Guitiriz), Miño (Lugo, Ourense), Avia (Ribadavia), Arnoia (Arnoia) e Sil (Barco de Valdeorras).

Segundo a información recibida mediante os sistemas de control e seguimento, ao superar os limiares establecidos, estes cursos están a presentar un crecemento significativo dos seus caudais, polo que poden chegar a darse enchentes puntuais.

 

 

Un surfista falece na Praia do Dique en Porto do Son

O corpo sen vida dun home foi atopado esta tarde en Porto do Son, na Praia do Dique. Así o comunicaba ao 112 Galicia unha persoa particular pasados uns minutos das 13:30 horas. Indicaba no seu relato que observaba o que parecía ser o corpo dun surfista na auga.

Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia comunicaba o sucedido a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia e ao 061-Urxencias Sanitarias, que desprazou o helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o areal, aínda que finalmente non chegou a intervir. Así mesmo, os xestores do 112 Galicia informaron do ocorrido aos axentes da Garda Civil, da Policía Local e Protección Civil da localidade.

Finalmente, pese aos intentos de reanimación, os servizos sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.

Un ferido ao sufrir unha saída de vía co quad no que viaxaban en Ourense

Unha persoa resultou ferida tras sufrir un accidente co quad no que viaxaban. O accidente ocorreu no concello de Ourense,  entre as glorietas de Ervedelo e Valenzá dirección Barbadás.

Ao fío das 18:15 horas da tarde, o 112 Galicia recibía a chamada dunha persoa particular para pedir axuda por mor dun vehículo no que viaxaban dúas persoas e sufrira unha saída vía. Nada mais recibir o aviso, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Ourense, aos axentes da Policía Local e Protección Civil da localidade.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o ferido foi evacuado por unha ambulancia ao Centro Hospitalario Universitario de Ourense.

facebook twitter instagram