Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Rescatadas dúas persoas en senllas emerxencias nas augas de Marín e O Grove

En menos de trinta minutos o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, rexistrou senllas emerxencias que mobilizaron os servizos de emerxencia en augas de Marín e O Grove.

O primeira sucedeu moi preto das 16:30 horas desta tarde, cando unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia para alertar dunha persoa con dificultades entre as praias de Aguete e dos Namorados. Axiña, os xestores de emerxencias do 112 Galicia activaban un operativo no que comunicaban o sucedido ao Servizo Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo, que mobilizaba ao helicóptero Pesca 1 ata o punto, aínda que, finalmente, non foi preciso a súa intervención.

Ademais, solicitouse a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos axentes da Policía Nacional e Protección Civil da localidade que informaban ao 112 Galicia que a persoa foi rescatada por unha embarcación da Armada Española que se atopaba na zona.

Embarcación envorcada
Pasados uns trinta minutos, o 112 Galicia recibía unha nova chamada de alerta dunha persoa particular. No seu relato indicaba que, unha persoa atopábase na auga o lado dunha embarcación envorcada, na praia próxima a igrexa de San Vicente do Mar.

Con estes datos, o persoal do CIAE 112 Galicia pasou un novo aviso a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia. Así como, o servizo sanitario de urxencia, os axentes da Garda Civil e Policía Local e ao Servizo Municipal de Emerxencias do Grove.

Segundo se lle informou ao 112 Galicia a persoa foi trasladada por unha embarcación particular ata o porto de Meloxo onde se descartou lesión ningunha. Pola súa banda a embarcación puido ser amarrada no porto unha vez dada a volta.

Rescatado un ciclista que sufriu lesións de diversa consideración ao caer en Vilaboa

Un ciclista resultou ferido de consideración ao caer no concello de Vilaboa, ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Santa Comba de Bértola.

O suceso produciuse pasada a unha deste tarde, cando o ciclista caeu co vehículo que manexaba e mancouse nun brazo e nunha perna. Así o indicaba ao 112 Galicia o propio ciclista ferido para pedir asistencia médica urxente.

Tras a chamada de alerta ao 112 e seguindo as indicacións dos operadores, o ciclista ferido compartiu as coordenadas da súa localización mediante mensaxe de whatsapp. Isto permitiu a chegada da axuda ao lugar concreto e a asistencia inmediata do paciente, que presentaba lesións nunha perna en un brazo.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informaron aos profesionais sanitarios, que desprazou unha ambulancia medicalizada ao punto, aos Bombeiros do Morrazo e axentes da Garda Civil.

Unha vez valorado polo persoal sanitario, o ciclista foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.