Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha persoa foi atopada falecida nunha embarcación do porto da Graña, en Ferrol

Os servizos sanitarios nada puideron facer pola súa vida e, nestes momentos, as forzas da orde traballan para aclarar as circunstancias do suceso.

Un particular que se atopaba no lugar foi o que alertou ao 112 Galicia, minutos despois das 17 horas, e explicaba que atopara unha persoa accidentada nun barco situado no porto da Graña, en Ferrol. No transcurso da chamada, indicaba que o implicado sufrira unha caída no interior da embarcación cando estaba a manipular unha vela, e engadía que non respondía aos seus intentos de contactar con el.

Desde o 112 Galicia informouse de inmediato ao persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Salvamento Marítimo, á Policía Nacional, á Garda Civil, á Policía Local de Ferrol e á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

Localizado un home que se atopaba perdido desde este mediodía nunha zona de monte en Cerdedo-Cotobade

Foi o propio particular quen alertou ao 112 Galicia, pasadas as 15:30 horas, de que se desorientara cando paseaba co seu can polo monte, no lugar Sucastro, en Cerdedo-Cotobade. Durante a chamada, explicaba ademais que levaba varias horas perdido, e que se atopaba indisposto.

Ademais dos axentes da Garda Civil, que se encargaron de coordinar o operativo, o 112 Galicia solicitou a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.

Mediante a ubicación facilitada a través do teléfono móbil do implicado, os servizos de emerxencias lograron localizalo pouco antes das 17 horas, tralo que foi atendido polo persoal sanitario.

facebook twitter instagram