Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Dúas persoas foron trasladadas despois de caer dun tractor en Padrenda

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos, que ocorreron no lugar de Ferreiros, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Unha das persoas feridas foi evacuada ao centro médico de referencia nun helicóptero medicalizado, mobilizado polos servizos sanitarios. Por outra banda, a segunda persoa accidentada tamén tivo que ser trasladada, neste caso, nunha ambulancia.

O 112 Galicia recibía o aviso do suceso uns minutos antes das 16:00 horas desta tarde.

A partir de aí, informouse á Garda Civil e ao GES de Ribadavia.

Un turismo e un tractor colidiron en Pol
Por mor do impacto,  as tres persoas que viaxaban no coche tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario.

Concretamente, o accidente produciuse no punto quilométrico 13 da LU-P-1203, á altura da parroquia de Lea.

Foi o condutor do tractor quen contactou co 112 Galicia para alertar do sinistro. Segundo indicaba, as persoas que circulaban no turismo podían necesitar asistencia médica.

Axiña, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e, tamén, puxeron a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Pol e do servizo de mantemento da vía de circulación.

Falece un home que rescataron da auga na zona do Millenium, na Coruña

Un home perdeu a vida despois de ser rescatado da auga preto do Millenium, na Coruña.

Foi un viandante quen viu como o mar o golpeaba contra as rochas, polo que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda.

Deseguido, un operativo formado por Salvamento Marítimo, Policía Nacional, profesionais sanitarios e socorristas da Praia de Riazor sacaron ao home da auga e trataron de recuperalo na beira mediante as manobras de reanimación, aínda que sen éxito.

 

  

A AXEGA colabora cos bombeiros no control e contención dunha mancha de hidrocarburos localizada nun regato do Carballiño

A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) contribúe, mediante a instalación de material absorbente, no control e contención dunha mancha de hidrocarburos localizada no Regato do Varón, no Carballiño.

Mediante esta actuación dos técnicos do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA, logrouse conter o derrame e impidir que avanzase río abaixo.

Foi un veciño quen coa súa chamada ao 112 Galicia, cando estaban a piques de dar as once desta mañá, permitiu activar un operativo no que participaron os técnicos do Grupo de Apoio Loxístico en colaboración cos Bombeiros do Carballiño e os membros do servizo municipal de Protección Civil.

Segundo puideron comprobar os servizos de emerxencias alí desprazados, tratouse dun derrame de hidrocarburos que quedou estancado no Regato do Varón, á altura da Rúa Fontela. Nesa zona actuaron os técnicos de AXEGA e os Bombeiros do Carballiño mediante a colocación de mantas absorbentes, que permitiron reter a mancha e impidir que continuase o curso do regato ata a súa desembocadura no Río Avia.

Ademais, desde o 112 Galicia, puxéronse os feitos en coñecemento da Garda Civil e da Policía Autonómica co fin de determinar a orixe da vertedura.

 

 

 

Unha persoa resultou ferida de consideración ao caer dun muro en Entrimo

Os feitos sucederon no lugar de Balados, na parroquia da Illa, uns minutos despois das 17:30 horas desta tarde.

Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta da situación da persoa por parte de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazou un helicóptero para atendela.

Tamén acudiron ao lugar os efectivos do GES de Lobios e os voluntarios de Protección Civil de Entrimo.

facebook twitter instagram