Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Falece unha muller en Ribadumia tras producirse previamente un incendio na súa vivenda

O incendio afectou a unha cociña de gas e á campá extractora e foi apagado polos mesmos particulares que se atopaban na casa.

Así o relataron os membros do Servizo Emerxencias de Cambados ao 112 Galicia cando, ao fío das 17:00 horas contactaron cos xestores de emerxencias para informar do incidente. Indicaban que no punto se atopaba unha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 co seu equipo médico e medios sanitarios do Concello, a Garda Civil e efectivos de Protección Civil de Cambados.

Tras contactar coa Garda Civil, os axentes indicaron que puideran confirmar que se tratara dun incendio que se producira ao redor das tres desta tarde, que fora apagado polos mesmos particulares.

Aínda así, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros e dos efectivos de Protección Civil de Ribadumia.

O fatídico suceso ocorreu nunha casa situada no Barroso, en Sisán, no concello pontevedrés de Ribadumia.

Un accidente entre un camión de transporte de cal e unha furgoneta deixa unha persoa ferida en Frades

Debido ao accidente o carbonato cálcico procedente da carga do camión quedou espallado pola estrada.

O 112 Galicia recibía, ás 12:30 horas deste mércores, a chamada dun particular que informaba dun accidente dun camión (de transporte de cal) que circulaba pola AC-524, punto quilométrico 11, á altura de Abellá, en Frades. Indicaba que o condutor estaba fóra do vehículo pero que podía precisar asistencia sanitaria.

Con estes datos, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Ordes.

Unha vez no punto, o mesmo camioneiro implicado indica ao 112 Galicia que ademais do seu vehículo tamén había unha furgoneta implicada e que xa estaban as guindastres no lugar para retirar os vehículos.

O baleirado dun extintor no aseo dun centro obriga a intervir aos servizos de emerxencias

Nun primeiro momento pensouse que se trataba da rotura intencionada dunha tubaxe de gas.

Afortunadamente todo quedou nun susto e ninguén resultou ferido, iso si, os mestres, por precaución, evacuaron aos escolares do centro mentres os Bombeiros non deron por finalizada a súa intervención.

Ao fío das 13:30 horas deste mediodía, o persoal do centro situado na rúa Manuel Murguía, na Laracha, contactaba co 112 Galicia para informar do rebentón dunha tubaxe de gas nun dos aseos, de maneira intencionada. Indicaban que non había ninguén ferido pero que estaban evacuando aos nenos do colexio.

De inmediato, desde o 112 Galicia informouse dos feitos aos Bombeiros de Bergantiños que saíron decontado cara o punto. Do mesmo xeito, foron informados os axentes da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil da localidade, así como, os servizos sanitarios de urxencia. Ademais, tras apreciarse cheiro a gas, pasouse aviso á compañía subministradora do gas.

Finalmente, os Bombeiros xa no lugar dos feitos e tras facer as correspondentes medicións, comprobaron que non había fuga de ningún tipo de gas. Tratouse do baleirado dun extintor nun dos aseos, cuxo po e  nebulosidade desprendida, provocou a confusión.

Por fortuna, non houbo que lamentar dano de ningún tipo e os servizos de emerxencias alí desprazados puideron dar por rematada a súa intervención.

 

facebook twitter instagram