Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

A rotura dunha tubaria provoca unha fuga e obriga ao desaloxo de dous edificios en Sada

Os servizos de emerxencias desaloxaron esta tarde, como medida preventiva, dous edificios a causa dunha fuga de gas da Rúa da Laguna, no concello coruñés de Sada.

O suceso rexistrouse no 112 Galicia pasadas ás 16:00 horas tras a chamada de alerta dun veciño que informaba dun escape de gas tras colidir un vehículo contra unha tubaxe. De inmediato, os xestores do Centro integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros de Betanzos, aos axentes da Policía Local e ao servizo municipal de Protección Civil da localidade. Tamén, puxeron os feitos en coñecemento dos técnicos da empresa suministradora do gas.

Así, tras o desaloxo preventivo das vivendas, os servizos de emerxencias realizaron as comprobacións oportunas para localizar a fuga. Segundo puido confirmarse mediante as medicións practicadas polos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento que resultaron negativas, os veciños puideron volver ás súas vivendas.

Ademais, co fin de garantir a seguridade, os axentes da Policía Local limitaron o acceso a zona mentres duraron os traballos dos servizos de emerxencia no lugar.