Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un home falece na A-52 tras ser alcanzado por un vehículo ao paso por Taboadela

Varias persoas chamaron ao 112 Galicia para advertir que había un home tirado na beiravía e apuntaban a un atropelo como o desencadeante da situación.

Co fin de atender á vítima, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a asistencia dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que puxeron a disposición un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense. Sen embargo, este recurso non foi necesario ao confirmarse o falecemento pouco tempo despois da alerta.

No dispositivo de seguridade colaboraron os axentes da Garda Civil de Tráfico, e tamén interviñeron os membros do GES de Pereiro de Aguiar.

O sinistro produciuse no punto quilométrico 216, en sentido Ourense, tal e como indicaron os particulares que chamaron ao 112 para alertar.

Un motorista, evacuado en helicóptero tras unha colisión cun turismo en Taboada

Segundo explicaron as testemuñas do accidente a través do 112 Galicia, o ferido presentaba lesións graves.

De feito, foi evacuado ao hospital de referencia a bordo da aeronave, que enviou o servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao lugar do sinistro.

Unha colisión entre unha moto e un turismo, que se rexistrou preto das 14:30 horas desta tarde na LU-212, no punto quilométrico 1,5, ao paso polo concello lucense de Taboada.

Tras as chamadas ao 112 das persoas que presenciaron o choque, activáronse os protocolos correspondentes para a atención do único ferido neste sinistro, o motorista.

Ademais do equipo médico, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediuse a colaboración dos membros do GES de Monterroso, e mesmo informouse aos Bombeiros de Chantada. Sen embargo, descartouse a súa intervención ao comprobarse o bo acceso ao ferido.

Tamén acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico e os voluntarios de Protección Civil da localidade.

Outro motorista ferido ao pasar a ponte internacional, xa en territorio portugués
Por outra banda, pasadas as dúas desta tarde, o 112 Galicia atendeu unha chamada de emerxencia desde territorio portugués por mor doutro motorista ferido xusto ao pasar a ponte internacional, na autovía do Miño en sentido Valença.

Igual que no caso anterior, o ferido bateu co seu vehículo contra un turismo e caeu sobre a herba. Ademais, segundo explicaron as persoas que chamaron, a moto comezou a arder. 

Para poder prestar axuda, desde o 112 Galicia púxose esta información en coñecemento do 112 Portugal.

Apuntalan un vehículo para evitar que caia por un desnivel en Muros
Ademais, os membros do GES de Muros interviñeron na AC-550, en Louro, para rescatar aos ocupantes dun vehículo que se saíu da vía e quedou inestable. En concreto, atopábase ao borde dun desnivel con moito risco de caída, polo que era necesaria a acción dos equipos de emerxencias. Así, os integrantes do GES de Muros apuntalaron o coche para poder sacar os ocupantes, que, por certo, atopábanse en bo estado de saúde. 

Ao lugar do accidente, que ocorreu preto das sete da tarde, tamén acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico e unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que descartouse a necesidade dun traslado.

Ciclista caído en Val do Dubra
Por último, un ciclista sufriu unha caída na DP-1914, ao paso por Val do Dubra.

Quen contacou co 112 para pedir axuda indicou que o ferido tiña dificultades para respirar. Deste xeito, solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Falece un home na praia de Coroso, en Ribeira

Un home perdeu a vida esta tarde cando se atopaba na praia de Coroso, en Ribeira. Os feitos ocorreron ao fío das 18:00 horas.

Foi nese momento cando varias persoas particulares alertaban da situación do home ao 112 Galicia.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que a pesar dos esforzos nada puideron facer por salvarlle a vida. Ademais, o persoal do 112 Galicia informou do ocorrido á Policía Local.

Polo momento descoñécense as causas do seu falecemento.

Un home sofre convulsións tras caer dun quad en Rianxo

A familia chamou ao 112 Galicia para pedir asistencia debido ao estado do afectado tras caer dun quad.

A comunicación ao servizo de emerxencias produciuse pouco antes das seis desta tarde e, como consecuencia, activáronse os equipos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Cando pediron axuda, o afectado estaba xa na casa, por tanto, enviouse axuda ao seu domicilio no lugar de Outeiro, en Rianxo. En concreto, desprazouse un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago. 

Tamén solicitouse o apoio dos axentes da Policía Local e da Garda Civil, ademais dos voluntarios de Protección Civil da vila.

Unha saída de vía dun camión que transportaba materiais eólicos provocou o corte da circulación na N-541, en Cerdedo-Cotobade

Un camión que transportaba materiais para parques eólicos perdeu parte de su carga ao saírse da vía en Cerdedo-Cotobade, sen que se rexistrasen danos persoais. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o vehículo rematou batendo cunha torre de alta tensión, que finalizou no chan.

Debido ao accidente, a circulación viuse interrompida no punto quilométrico 60 da N-541, polo que a Garda Civil de Tráfico habilitou desvíos en sentido a Pontevedra pola PO-534 e cara a Ourense a través da EP-7101.

Foi unha persoa particular quen alertaba do ocorrido ao 112 Galicia uns minutos despois das 16:15 horas. Nada máis ter coñecemento do sucedido, os xestores do CIAE 112 Galicia requiriron a intervención da Garda Civil de Tráfico, do servizo de mantemento da estrada, de Protección Civil da localidade e da empresa subministradora de electricidade.

Colisión múltiple
Por outra banda, unha colisión entre tres turismos saldouse esta tarde con dúas persoas feridas no termo municipal coruñés de Sada. O sinistro produciuse no lugar de Mondego, na estrada que une Sada e Meirás, ao fío das 13:30 horas.

Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade e dos Bombeiros de Betanzos.

facebook twitter instagram