Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha persoa tivo que ser excarcerada despois de envorcar o coche sen carné no que circulaba en Mugardos

O accidente tivo lugar na estrada que une Franza e O Seixo, á altura de San Vitorio, ás 14:45 horas desta tarde.

Ata alí acudiron os Bombeiros de Ferrol e os efectivos do GES de Mugardos, que utilizaron o material de excarceración para liberar á persoa atrapada, pola parte traseira do vehículo. Posteriormente, foi atendida polos servizos sanitarios.

O 112 Galicia recibiu a alerta do sinistro a través dunha persoa particular e, axiña, solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ferrol, do GES de Mugardos e da Garda Civil de Tráfico.

Tres persoas feridas no Vicedo
Por outra banda, unha colisión frontal entre dous vehículos saldouse con tres persoas feridas, entre elas unha muller embarazada.

O accidente produciuse á altura da parroquia de San Miguel de Negradas, ás 17:30 horas desta tarde.

A partir de aí, desde o 112 Galicia, tras recibir o aviso a través dunha persoa particular, púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico e dos voluntarios de Protección Civil do Vicedo.

Atropelo en Fisterra
Ademais, unha persoa resultou ferida de consideración ao ser alcanzada por un vehículo, no punto quilométrico 11 da AC-445.

Ocorreu ao fío das 18:00 horas. Nese momento, varias persoas particulares alertaron dos feitos ao 112 Galicia.

Acto seguido, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil de Fisterra.

A persoa ferida foi trasladada nunha ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

O condutor dun bus urbano foi excarcerado polos Bombeiros despois de bater contra unha ponte en Santiago de Compostela

O home que conducía o autobús era o único ocupante do vehículo, que colidiu contra unha ponte nas proximidades do quilómetro 1 da AC-841.

Os Bombeiros de Santiago de Compostela interviñeron para excarcerar ao condutor. Tras ser liberado, foi trasladado nunha ambulancia a un centro hospitalario.

Ocorreu ao fío das 15:30 horas desta tarde. Nese momento, unha persoa particular alertaba ao 112 Galicia do accidente.

Acto seguido, desde o 112 Galicia requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santiago de Compostela, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación.

Un home trasladado en helicóptero despois de que o tractor que manexaba lle pasase por encima en Entrimo

Un home resultou ferido esta tarde en Entrimo ao pasarlle por encima o tractor que manexaba. Ocorreu no lugar das Quintáns, na parroquia de Galez, ao fío das 13:20 horas.

Debido á gravidade das feridas do condutor do tractor, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazou ata o lugar dos feitos o helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Ademais, tras recibir a alerta a través do servizo sanitario, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención da Garda Civil, de Protección Civil de Entrimo e do GES de Lobios para dar apoio durante a toma da aeronave.

Finalmente, o home ferido foi trasladado no helicóptero ao centro hospitalario de referencia.

Unha embarcación cunha persoa a bordo quedou á deriva na Illa de Arousa

A situación produciuse ao enganchar a embarcación unha redes e quedou sen motor, cando estaba a piques de fondear entre as illas de Pedregoso e Rúa, nas proximidades de Pedra Seca.

Ante o perigo de que a corrente provocase que a embarcación batese contra unha batea, o único tripulante contactou co 112 Galicia, uns minutos despois das 14:30 horas.

De xeito inmediato, desde o 112 Galicia deuse conta dos feitos a Salvamento Marítimo, que mobilizou a Salvamar Sargadelos, para remolcar á embarcación ata o porto de Vilanova de Arousa, co tripulante ileso.

Tamén o persoal do 112 Galicia informou ao Grupo Acuático dos Bombeiros de Vilagarcía de Arousa, á Garda Civil e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

Unha colisión entre dous turismos en Vigo sáldase cunha muller excarcerada

Unha muller precisou ser excarcerada despois de producirse unha colisión entre dous coches en Vigo.

O sinistro tivo lugar no punto quilométrico 8 da PO-331, uns minutos antes das 14:20 horas.

Foi unha persoa particular quen alertou do accidente ao 112 Galicia e, nada máis recibir o aviso, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo, da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da estrada.

Unha vez excarcerada polos Bombeiros de Vigo, a muller foi trasladada polos servizos sanitarios a un centro médico.

Colisión múltiple
Por outra banda, en Santiago de Compostela, dúas persoas resultaron feridas nunha colisión na que se viron implicados tres coches. O accidente ocorreu na SC-20, concretamente no punto quilométrico 6,700.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 14.35 horas, a través da Garda Civil de Tráfico. Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local e aos Bombeiros de Santiago de Compostela.

Finalmente, as dúas persoas feridas no accidente foron trasladadas polos servizos sanitarios a un centro hospitalario.

Un incendio nun garaxe en Rianxo provoca diversos danos no seu interior

Un incendio declarado esta tarde no interior dun garaxe en Rianxo deixou danos no seu interior, sen que ningunha persoa resultase ferida. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o lume afectou a dous turismos, un deles rematou completamente calcinado, a varios electrodomésticos e ao mobiliario que se atopaba na estancia.

Os feitos tiveron lugar en Outeiro, ao fío das 15:35 horas. Foi nese momento cando unha persoa particular alertaba do incendio ao 112 Galicia. A partir de aí, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitouse a actuación dos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, da Garda Civil e da Policía Local. Ademais, os profesionais do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Así, os Bombeiros de Boiro confirmaron ao 112 Galicia que as labores de extinción do lume finalizaron ás 17:30 horas.

facebook twitter instagram