Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha persoa perdeu a vida ao ser atropelada por un autobús en Vigo

Os feitos sucederon na Estrada do Freixo, nas proximidades do cemiterio de Valadares.

O 112 Galicia tivo coñecemento do atropelo uns minutos despois das 17:00 horas desta tarde, a través do condutor do autobús. Segundo indicaba, acababa de atropelar a unha persoa, que estaba atrapada debaixo do vehículo. Tamén relataba que, no momento do accidente, o autobús circulaba sen pasaxeiros.

Axiña, con estes datos, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vigo, da Policía Local e da Garda Civil de Tráfico.

Os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Vigo informaron ao 112 Galicia de que, á súa chegada ao lugar dos feitos, a persoa atropelada estaba liberada e accesible. Pola súa banda, os servizos sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida.

A salvo os dous tripulantes dunha lancha de recreo que afundiu na costa de Cervo

As dúas persoas que navegaban a bordo da lancha foron rescatadas por outra embarcación que estaba na zona, nas proximidades das Illas dos Farillóns.

Un particular contactou co 112 Galicia para alertar da situación. Segundo indicaba, fora avisado dunha embarcación de recreo que batera contra unhas rochas, na costa de Cervo.

Axiña, desde o 112 Galicia informouse a Salvamento Marítimo, que mobilizou a Salvamar Alioth e o helicóptero Pesca II do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Tamén, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención do grupo acuático do GES de Cervo, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e dos axentes da Garda Civil.

Os dous tripulantes da lancha foron levados ao Porto de Morás, en Xove, sen a necesidade de recibir asistencia médica.

O 112 Galicia rexistrou un total de 61 accidentes de circulación no día de hoxe

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia contabilizou 61 accidentes de circulación ata ás 18:00 horas de hoxe. A maior parte finalizaron sen danos persoais, pero houbo que lamentar outros 27, nos que foi necesario a intervención dos servizos sanitarios de urxencia, entre os que temos que contar o atropelo mortal localizado no concello lugués da Pontenova.

Do total de accidentes con feridos, nun deles foi necesaria a intervención dos equipos de rescate, como foi o caso dun sinistro rexistrado ás 13:30 horas que mobilizou aos servizos de emerxencia para liberar a unha persoa que quedou atrapada tras sufrir unha saída de vía e caer por un desnivel.

O operativo activouse, a esa hora, cando o GES de Becerreá alertaba ao 112 Galicia do sinistro dun accidente na LU-636, no punto quilométrico 28, ao seu paso polo concello lugués de Becerreá. Axiña, os xestores de emerxencias informaban aos Bombeiros de Sarria e aos profesionais do servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, unha vez o ferido foi liberado, encargáronse do traslado da persoa ata o centro hospitalario de referencia.

Así mesmo, para manter as condicións de seguridade da vía mentres se realizaban os traballos de auxilio, solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

En canto ao reparto por provincias, cómpre sinalar que destaca da Coruña cun total de 27, dos cales 15 foron sen feridos. A continuación, Pontevedra, que rexistrou 22, 11 nos que houbo que lamentar danos materiais, Lugo con 7 sinistros rexistrados e Ourense con 5 accidentes.

Ademais dos rexistrados durante o día, que podedes consultar nos boletíns da mañá e do mediodía.

Por iso, desde o 112 Galicia lembramos a importancia de adecuar a velocidade ás condicións da vía e no caso de accidente é imprescindible facer uso da conduta PAS. Protexe sinalizando o lugar para evitar un novo sinistro sen esquecer o teu chaleco reflector. Alerta aos servizos de emerxencia, chamando ao teléfono 1-1-2. Socorre sempre que poidas aos feridos.

Arde unha nave no Polígono de Sequeiros en Barro

Os servizos de emerxencias traballan arestora na extinción dun lume declarado nunha nave no Polígono de Sequeiros en Barro.

Foron varios os particulares que percibiron o fume e chamaron ao 112 Galicia cando ían dar as seis desta tarde. A partir de aí, activouse un operativo no que participan os Bombeiros de Pontevedra e do Salnés. Ademais, solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Os efectivos de emerxencias que xa traballan no punto indican que hai preto outra nave, que, de momento, non resultou afectada. Tampouco hai constancia de danos persoais.

Tres persoas resultaron feridas ao colidir dous vehículos en Laxe

Ocorreu no lugar de Reboredo, en Traba.

A central de emerxencias dun dos vehículos informou do ocorrido ao 112 Galicia preto das 14:45 horas. Alí tiveran constancia dos feitos grazas ao seu sistema de aviso automático en caso de accidente. Pouco despois, un particular aclaraba que polo menos unha persoa resultara ferida na colisión, que fora frontolateral.

Rapidamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Ponteceso, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, dos voluntarios de Protección Civil de Laxe e da empresa encargada da xestión da rede eléctrica, xa que un poste quedou danado. Informouse, ademais, aos Bombeiros de Bergantiños.

Desde o lugar do accidente, os axentes da Policía Local de Laxe indicaron que unha das implicadas precisaba asistencia médica urxente, do que finalmente se encargou o persoa sanitario, que se desprazou a bordo dunha ambulancia.

Persoa excarcerada en Vilagarcía
Estoutro accidente tivo lugar na parroquia de Sobrán, en Vilagarcía de Arousa, e unha persoa tivo que ser liberada debido a que a súa porta quedou bloqueada tralo accidente.

Varios particulares, entre eles un implicado, contactaron co 112 Galicia poucos minutos despois das 15 horas: dous vehículos acababan de colidir no quilómetro 7 da VG-4.3.

O Servizo de Emerxencias de Vilagarcía encargouse de liberar a unha das persoas, que non podía abrir a porta. A continuación, os servizos sanitarios encargáronse de atender a dous implicados.

Neste operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, o Servizo de Emerxencias de Vilagarcía, a Policía Local, os voluntarios de Protección Civil e os servizos de mantemento da estrada, que limparon os restos da vía para restablecer as condicións óptimas de circulación.

Traballos para restablecer o tráfico en Verín
Ao longo desta tarde, os cortes no quilómetro 168 da N-525 foron puntuais e a circulación na zona é fluída.

Convén lembrar o incidente, que se produciu esta mañá: un camión-pluma arrincou parte do tendido eléctrico ao seu paso polo casco urbano da localidade.

Os medios continúan traballando no punto para arranxar o tendido eléctrico o antes posible.

facebook twitter instagram