Boletín Informativo das 19:00 horas do día 11/10/2019
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas
Varios bañistas rescataron do mar a unha muller en Ribadeo
Os feitos sucederon na praia dos Castros, uns minutos despois das 18:00 horas desta tarde.
Uns bañistas rescataron a muller do mar. Xa no areal, tras realizarlle as manobras de reanimación, os servizos sanitarios evacuárona ao centro hospitalario de referencia, segundo indicou a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ribadeo ao 112 Galicia.
Varios particulares contactaron co 112 Galicia para alertar da situación da muller. Segundo relataban, non conseguía saír do mar.
De xeito inmediato, o persoal do 112 Galicia deu conta dos feitos a Salvamento Marítimo, que mobilizou o helicóptero Pesca II, do Servizo de Gardacostas de Galicia, e a Salvamar Alioth.
Por terra, desde o 112 Galicia requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local, da Garda Civil e das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ribadeo e Barreiros.
Un motorista, evacuado en helicóptero despois de chocar o seu vehículo contra un camión en Valga
Unha colisión entre unha moto e un camión rematou cun ferido trasladado en helicóptero ao mediodía de hoxe no concello pontevedrés de Valga. O accidente ocorreu ao fío das 13:00 horas na PO-548, á altura do punto quilométrico 3.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través da chamada dunha persoa particular. No seu relato, o alertante solicitaba axuda para un motorista ferido despois de colidir o seu vehículo contra un camión mentres circulaba pola parroquia de Cordeiro.
De inmediato, desde o 112 solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaron a aeronave medicalizada con base en Santiago para trasladar o ferido ao centro hospitalario de referencia.
Ademais, co obxectivo de prestar apoio ao equipo médico, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos Bombeiros do Salnés, dos membros do GES de Valga, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, dos efectivos de Protección Civil e do persoal do servizo de mantemento da estrada.
Arde por completo a cociña dunha casa na Merca
Ningunha persoa resultou ferida por mor deste lume, que calcinou a cociña da vivenda e o fume afectou ao resto da casa.
Concretamente, o lume declarouse no lugar de Outeiro, na parroquia da Mezquita.
Ata alí acudiron os Bombeiros da Mancomunidade Terras de Celanova, a Garda Civil e Protección Civil, tras ser requiridos polo 112 Galicia, que recibiu a alerta do incendio uns minutos antes das 13:00 horas desta tarde, a través dunha persoa particular.
Incendio nun piso en Narón
Por outra banda, nunha vivenda dun edificio da Estrada de Castela, ardeu a campá extractora da cociña e o falso teito, sen que ningunha persoa resultase ferida. Os Bombeiros de Narón sufocaron o lume e levaron a cabo tarefas de ventilación nas estancias afectadas polo fume.
Un veciño da vivenda incendiada avisou ao 112 Galicia, ao fío das 14:30 horas.
Axiña, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Narón, da Policía Local, de Protección Civil e da Policía Nacional.
Dous incendios en vehículos puxeron en alerta aos servizos de emerxencia en Guntín e Maside
Os servizos de emerxencia foron requiridos polo 112 Galicia para a extinción de dous incendios que calcinaron por completo a dous turismos na tarde de hoxe.
O primeiro deles tivo lugar ás 13:15 horas no concello lucense de Guntín. A esa hora, varios particulares chamaron ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) para informar dun coche en chamas na N-540, á altura do punto quilométrico 21. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, os ocupantes estaban fóra do vehículo e non necesitaban asistencia sanitaria.
Decontado, desde o CIAE puxéronse os feitos en coñecemento do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento de Chantada e do GES de Monterroso. Unha vez rematada a intervención, os servizos de emerxencia confirmaron que o turismo ardeu por completo por causas descoñecidas.
A mesma situación tivo lugar momentos máis tarde no concello ourensán de Maside. Ás 16:00 horas, o 112 Galicia recibiu diversas chamadas solicitando medios para a extinción dun segundo lume nun vehículo que circulaba en dirección a Carballiño, ao final da AG-54.
Alertados polos xestores do 112 Galicia, os Bombeiros de Carballiño e axentes da Policía Local acudiron ata o lugar do incidente para atallar as lapas e prestar apoio ao operativo. Segundo se lle indicou ao CIAE, o lume puido orixinarse un curtocircuíto.
En ambas intervencións foi necesaria a colaboración da Garda Civil de Tráfico, dos membros de Protección Civil e do servizo de mantemento das estradas co fin de garantir as condicións de seguridade nas vías.