Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Os servizos de emerxencia localizaron a dúas persoas falecidas nas súas vivendas en Lugo

Os dous achados producíronse nun intervalo de dúas horas.

No primeiro caso, na Avenida das Américas, un particular contactaba co 112 Galicia, ás 10:45 horas desta mañá, para dar conta de que facía tempo que non vía á súa veciña, unha muller de idade avanzada, e que podía atoparse no interior do seu piso.

Tras recibir o aviso, o persoal do 112 Galicia comunicou os feitos aos Bombeiros de Lugo, á Policía Local e á Policía Nacional. Despois de comprobar a vivenda, os servizos de emerxencia confirmaron ao 112 Galicia que a muller estaba falecida no interior.

Por outra banda, un home foi localizado falecido no seu piso da Rúa de Mallorca.

Pasados uns minutos das 12:00 horas, un particular contactaba co 112 Galicia e relataba que facía varios días que faltaba esta persoa e non podía confirmar se lle pasara algo na súa casa.

Desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de novo dos Bombeiros de Lugo, da Policía Local e da Policía Nacional.

Logo de revisar o piso, as forzas da orde informaron ao 112 Galicia que o home se atopaba falecido dentro da vivenda.

Falece un operario ao quedar sepultado por un muro de pedra mentres restauraba unha casa en Padrón

Un traballador perdeu a vida esta tarde en Padrón mentres realizaba tarefas de restauración nunha vivenda ao caerlle encima un muro de pedra.

Os feitos sucederon no lugar do Areal, na parroquia de Cruces, ao fío das 16:20 horas.

Nada máis recibir a alerta do ocorrido a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do GES e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Padrón, dos Bombeiros de Boiro, da Garda Civil e da Policía Local.

Unha vez no lugar do accidente laboral, os servizos de emerxencia liberaron ao operario atrapado e, malia os esforzos por salvarlle a vida, os servizos sanitarios tan só puideron confirmar o seu falecemento.

 

Un operario resulta ferido de gravidade ao caer dun andamio a seis metros de altura en Muros

A estrutura se atopaba á altura do teito dunha casa situada na parroquia de Tal, nas proximidades da praia de Area Longa.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente laboral a través de varios compañeiros do operario ferido, uns minutos antes das 17:00 horas.

Acto seguido, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela ata o lugar dos feitos, no que o operario foi evacuado ao centro hospitalario de referencia.

Tamén se desprazaron, tras ser alertados polo 112 Galicia, os axentes da Garda Civil, a Policía Local e o GES de Muros.

Os servizos de emerxencia excarceran a un home despois de que o turismo no que circulaba envorcase en Quiroga

Un home foi liberado polos Bombeiros de Monforte esta tarde en Quiroga despois de que o turismo no que circulaba envorcase na N-120, concretamente no punto quilométrico 489, en sentido O Barco de Valdeorras.

O accidente ocorreu uns minutos antes das 17:20 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do sinistro.

Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Monforte, dos efectivos do GES de Quiroga-Folgoso do Courel, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da estrada. Ademais, desde o 112 Galicia informouse do sinistro a Protección Civil da localidade.

Finalmente, o home ferido no accidente foi trasladado a un centro médico.

facebook twitter instagram