Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

O lume na cociña dunha vivenda de Boiro deixa dúas persoas evacuadas por inhalación de fume

Os Bombeiros de Boiro ventilaron tanto a casa implicada como a contigua, que resultou afectada polo fume.  

Pasaban as 15:45 horas da tarde cando un veciño alertou ao 112 Galicia de que ardía a cociña dunha vivenda do seu edificio.

De contado, desde o 112 Galicia solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros, da Policía Local e do Servizo Municipal de Protección Civil de Boiro. Ao mesmo tempo, informouse aos Bombeiros de Ribeira, que non chegaron a intervir.

Dúas persoas, que estaban no interior do inmoble no que comezou o lume, tiveron que ser atendidas e trasladadas en ambulancia ao centro hospitalario de referencia con síntomas de inhalación de fume.

Pola súa banda, os Bombeiros de Boiro atallaron rapidamente as lapas, tralo que comunicaron o balance da súa intervención: o incendio afectou á cociña da vivenda na que se orixinou, e o fume propagouse tamén polo domicilio contiguo.

Finalmente, procederon coas tarefas de ventilación e de comprobación pertinentes.

Ferida de consideración unha persoa ao envorcar o turismo no que circulaba en Cerceda

Unha persoa resultou ferida de consideración esta tarde despois de que envorcase o coche no que viaxaba en Cerceda. O accidente tivo lugar na Silva, ao fío das 15:55 horas.

Para a atención da vítima, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago, no que foi trasladada a un centro hospitalario.

Nada máis ter constancia do sinistro, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención dos servizos sanitarios, dos Bombeiros de Ordes, da Garda Civil de Tráfico e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Saída de vía
Por outra banda, unha saída de vía en Culleredo saldouse este mediodía con tres persoas feridas, unha delas un neno.

O accidente produciuse no acceso da AC-14 á A-6, en sentido da Coruña a Arteixo, ao fío das 12:35 horas.

Nada máis recibir a alerta do accidente a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Arteixo, do Servizo Municipal de Protección Civil de Culleredo, da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Os servizos de emerxencia rescatan a un home en apuros ao caer nun regato en Viveiro

Os Bombeiros de Viveiro rescataron esta tarde a un home que caeu nun rego de dous metros de profundidade na localidade lucense. Unha vez liberado, o varón foi trasladado nunha ambulancia a un centro médico.

Os feitos sucederon ao fío das 17:25 horas no lugar de Betrivo, na parroquia de Landrove.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia durante a chamada que realizou un familiar do home, o varón non era capaz de saír da auga por si mesmo ao quedarse sen forzas mentres o intentaba.

Enseguida, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitaron a intervención dos bombeiros. Ademais, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local, da Garda Civil e de Protección Civil de Viveiro.

Dous feridos nunha colisión entre un camión e dous turismos en Gondomar foron evacuados ao hospital

Ocorreu dez minutos despois das 14:30 horas, en Vincios, e ambos implicados foron evacuados ao Hospital Álvaro Cunqueiro a bordo dunha ambulancia.

O condutor do camión, que transportaba produtos alimentarios, informou ao 112 Galicia deste accidente: acababa de colidir contra dous turismos no quilómetro 13 da PO-331. A consecuencia do choque, o carril de circulación quedou cortado.

Neste operativo participaron, ademais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada, que se encargaron da limpeza da vía para restablecer as condicións seguras de circulación.

facebook twitter instagram