Alertas activas:

Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

A Xunta activa o Plan Platerga a causa do incendio na nave de Sogarisa nas Somozas

Dous traballadores necesitaron asistencia médica por inhalación de fume e queimaduras, polo que foron evacuados ao centro hospitalario de referencia.

A columna de fume que emanaba do incendio no Polígono das Somozas era visible para algúns veciños, que comezaron a chamar ao 112 Galicia ás 16:20 horas desta tarde. Esta información serviu para poñer en alerta, en primeira instancia, aos medios da zona, como os Bombeiros do Eume e os membros do GES de Ortigueira. 

Sen embargo, a evolución era desfavorable, polo que, pouco despois, a Xunta de Galicia acordou activar o Plan Platerga en nivel 1. Isto permitiu a mobilización de medios e recursos máis aló da área de referencia do concello das Somozas, polo que acudiron os Bombeiros de Ferrol, Narón e Vilalba. Ademais, sumáronse o persoal do Distrito de Incendios Forestais da zona, que non só achegaron recursos humanos, senón tamén motobombas.

Así, o traballo de todos e todas posibilitou o confinamento e perimetrado do lume, e desta forma, avanzaban nas medidas de seguridade necesarias para evitar a propagación e maiores danos á contorna. Con todo, a nave está moi afectada, e dous traballadores necesitaron a atención dos equipos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. 

No operativo tamén participaron os técnicos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que se desprazaron ao lugar dos feitos, e de Augas de Galicia, co fin de establecer os controis pertinentes en relación á evacuación das augas sucias procedentes da extinción do lume. Por iso, desde o 112 Galicia, avisouse aos concellos de San Sadurniño, Moeche e Narón para activen as medidas preventivas necesarias. En calquera caso, segundo confirmaron as autoridades locais, ningún destes concellos realiza captacións no río Xubia.

Ata este momento, os equipos de intervención manteñen o lume confinado e perimetrado, e utilizan diversos recursos para atallar o incendio, que comezou nun tanque de augas inflamables. 

Como medios de reforzo, o operativo contará, tamén, cos técnicos do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias. 

Unha persoa resulta ferida en Carballo tras arder o vehículo que conducía ao caer por un desnivel despois de saírse da vía

Unha persoa resultou ferida ao seu paso pola localidade coruñesa de Carballo.

Segundo informaron os Bombeiros da localidade desprazados ao punto nada mais ser alertados polo 112 Galicia, o vehículo que circulaba pola AC-413, á altura de Sofán, ardeu case por completo, despois de caer por un desnivel tras saírse da vía. Aínda que o condutor resultou ferido de consideración, afortunadamente, puido saír polos seus propios medios do vehículo cando comezou a arder.

Ademais de avisar aos Bombeiros e ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-0 61, o 112 Galicia, tras recibir a alerta dun particular sobre as 18:00 horas desta tarde, solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil. Tamén, o persoal do servizo de mantemento da estrada foi informado polo 112 Galicia.

Un alertador avisou a través do 112 Galicia dun home ferido por arma en Arteixo

Segundo explicou, bateu co home tirado na estrada, na Rúa José Pérez Ballesteros, en Arteixo, sen atinar moi ben co que sucedera ata que percibiu que había persoa con armas nos arredores.

Con esta información, os xestores do 112 Galicia pediron a colaboración dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, ademais, por suposto, dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para atender ao ferido.

Á súa chegada ao lugar dos feitos, os axentes locais confirmaron que había unha persoa ferida por arma e urxían a asistencia médica, que chegou a bordo dunha UVI móbil.

Faltaban cinco minutos para as seis desta tarde cando o 112 Galicia recibiu a primeira chamada sobre este caso.

 

Os Bombeiros excarceran a un condutor ferido despois de sufrir un accidente e quedar atrapado no interior do vehículo en Vimianzo

Un home precisou da intervención dos Bombeiros de Cee para ser liberado do interior do vehículo que conducía tras sufrir un accidente cando circulaba pola AC-552, á altura do cruce de Berdeogas, na localidade coruñesa de Vimianzo.

Debido á gravidade das lesións ocasionadas, ata o lugar desprazouse un helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, que nada mais rematar a intervención dos Bombeiros, trasladou ao ferido e único ocupante do vehículo ata o centro hospitalario de referencia.

Ao fío das 15:20 horas desta tarde, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaba ao 112 Galicia da saída dunha ambulancia e da aeronave cara o punto indicado e, tras indicar que a persoa estaba atrapada no interior do turismo, decontado, os xestores de emerxencias pasaron aviso aos Bombeiros de Cee. Do mesmo xeito, informaron dos feitos á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil da localidade e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.

Dous feridos en Trasmiras
Tamén, ao fío das 14:00 horas, os servizos sanitarios de urxencia informaban ao 112 Galicia de dúas persoas feridas tras sufrir un accidente en Trasmiras (Ourense), no lugar dos Pardieiros.

Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Xinzo, que aínda que non tiveron que excarcerar porque o ferido non estaba atrapado si tiveron que cortar os ferros do turismo para poder evacuar con seguridade a un dos feridos. Ademais de aos Bombeiros, o 112 Galicia tamén informou dos feitos á Garda Civil de Tráfico.

Un repartidor de pizzas queda atrapado baixo un coche tras unha colisión en Redondela

Sucedeu pouco antes das dúas desta tarde na N-550, en O Viso, Redondela.

A colisión entre un turismo e unha moto acabou co motorista, que repartía pizzas, debaixo do vehículo. Con estes datos, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros do Baixo Miño e dos membros do GES de Mos para que se encargasen do rescate do motorista. Aínda que estivo consciente en todo momento, os axentes da Policía Local, que tamén participaron neste operativo, indicaron que o ferido presenta diversas erosións. Así, unha vez liberado e estabilizado, e tras recibir os primeiros coidados por parte do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, foi evacuado ao centro hospitalario de referencia.

Cómpre salientar que os voluntarios de Protección Civil de Redondela tamén acudiron ao lugar dos feitos para apoiar aos equipos de emerxencias nas tarefas que fosen necesarias.

Atopan en perfecto estado ao octoxenario que faltaba da súa casa desde esta noite en Lugo

O home que se buscaba desde que a súa familia denunciara a súa desaparición en Lugo, no lugar de Esperante, foi atopado este mediodía en perfecto estado, no lugar de Cuíña. Así o comunicaban os axentes da Policía Nacional ao 112 Galicia.

Ao operativo, coordinado polos axentes, estaba prevista a intervención do persoal  da Unidade de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e tamén se agardaba a incorporación dos cans de rescate e salvamento de Galicia (CASAGA), ademais da intervención dos axentes da Garda Civil, Policía Local, Protección Civil, familiares e veciños que xa se atopaban na busca do octoxenario.

Por fortuna, o home apareceu en bo estado e os axentes procederon a anular os medios mobilizados.

Unha familia de Arbo atendida in situ polos servizos sanitarios por mor da intoxicación de monóxido producida pola mala combustión dun quentador

Unha familia foi atendida esta tarde polos servizos sanitarios de urxencia na súa vivenda, situada na Praza do Mercado, en Arbo, despois de presentar síntomas de intoxicación por monóxido de carbono. Todo parece indicar, que a mala combustión dun quentador foi a causa que provocou os síntomas.

Aconteceu sobre as 17:30 horas desta tarde, foi a esa hora cando o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informaba ao 112 Galicia dunha posible intoxicación dunha familia por monóxido nunha vivenda.

Con estes datos, desde o 112 Galicia informouse aos Bombeiros de Ponteareas e á Garda Civil. Así mesmo, informouse da situación ao persoal da empresa subministradora do gas.

Finalmente, unha vez no punto e tras detectar a avaría, os Bombeiros comunicaron que non foi precisa a súa intervención.

Dúas persoas trasladadas en Foz
Dúas persoas, un home e unha muller foron trasladados esta tarde polos servizos sanitarios ata o Hospital da Mariña, posiblemente, a causa da inhalación do fume provocado e da crise de ansiedade que sufriron despois de incendiarse a súa vivenda, así o relataban os efectivos de Protección Civil de Foz ao 112 Galicia.

Pasados dez minutos das 14:30 horas deste mediodía, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que informaba dunha casa ardendo no lugar de Marzán, na Avenida de Viveiro.

De inmediato, pasouse aviso aos Bombeiros de Barreiros, aos axentes da Garda Civil, da Policía Local, ao GES de Cervo e a Protección Civil da localidade. Ademais, alertouse por precaución ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por si fose precisa a súa intervención.

Segundo informaron os Bombeiros e os membros do GES ao 112 Galicia, o lume foi extinguido na súa totalidade e ventilada a vivenda. Ardeu a cociña case por completo e todo parece indicar que as lapas comezaron na vitrocerámica.

 

 

facebook twitter instagram