Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un curtocircuíto nun deshumidificador, posible causa dun incendio sen danos persoais en Ribeira

Malia a que a casa estaba habitada, ninguén resultou ferido e o lume, que puido ser causado por un curtocircuíto nun deshumidificador, quedou extinguido pouco tempo despois.

Os feitos ocorreron ás 15:30 horas cando o dono do inmoble chamou ao 112 Galicia para informar do suceso. Durante a súa comunicación cos xestores de emerxencias, indicaba que, ao regresar ao domicilio, atopou a vivenda tomada por unha intensa fumareda. Ademais, sinalaba que lle saltara a alarma de incendios e que non había outras persoas no interior.

Nada máis ter constancia dos feitos, os profesionais do 112 Galicia pasaron aviso aos Bombeiros de Ribeira e aos efectivos do Grupo de Apoio e Emerxencias Municipal.

Minutos antes das catro, os efectivos de emerxencias deron por extinguido o incendio, que consumiu un colchón e afectou as demais estancias da casa por culpa do fume. Posiblemente, as causas sexan un curtocircuíto nun electrodoméstico eliminador de humidade que estaba ao lado da cama.

Cómpre indicar que desde o 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Boiro, por se fose necesaria a súa colaboración. Este operativo foi completado polos axentes da Policía Nacional e Local.

Arde unha habitación dunha vivenda na cidade da Coruña
Un incendio declarado esta tarde nunha vivenda unifamiliar en Coruña provocou que unha habitación ardese por completo, sen que ningunha persoa resultase afectada. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o lume consumiu a estancia e foi necesaria unha extensa revisión da estrutura por parte dos equipos de extinción debido á proximidade cos inmobles lindeiros.

Os feitos ocorreron na Avenida de Arteixo poucos minutos antes das cinco horas da tarde de hoxe. Nese momento, o 112 Galicia recibía a alerta do incendio a través de particulares que vían como saía fume dunha das ventás da casa.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso aos Bombeiros da Coruña, á Policía Nacional e Local e a Protección Civil. Igualmente, informouse aos servizos sanitarios por se nalgún momento fose necesaria a súa intervención.

Unha vez no lugar do incendio, os servizos de emerxencias controlaron e sufocaron o lume.

O CIAE 112 Galicia rexistra preto de 400 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia vén de rexistrar un total de 373 incidencias relacionadas cos efectos da meteoroloxía adversa que está a afectar a nosa Comunidade desde as 00:00 e as 18:00 horas de hoxe.

Por provincias, a máis afectada foi A Coruña, onde se alcanzaron as 218. Pontevedra sumou 109 incidencias, seguida de Lugo con 33 e Ourense con 13 incidencias contabilizadas. A caída de árbores e pólas nas vías de circulación (55), accións de prevención de risco (48), anegamentos en garaxes (44), bolsas de auga nas estradas (32) e anegamentos en vivendas (32) foron as incidencias que máis se repetiron.

En canto aos concellos, destacan o de Santiago de Compostela e o de Ribeira con 22 incidencias, respectivamente; Porto do Son con 18 e A Pobra do Caramiñal e Ferrol con 12 en cada un deles. Na provincia de Pontevedra,  Vigo alcanzou as 12, O Grove sumou 6 e A Estrada e Sanxenxo 4, respectivamente. Por outra banda, no concello de Monforte de Lemos rexistráronse 5 incidencias, en Pantón 3 e en Cervo 2. E, por último, na provincia de Ourense, A Peroxa, A Gudiña e Taboadela rexistraron 1 incidencia en cada un deles.

Liberan a unha persoa, e dúas son trasladadas, tras un accidente entre tres vehículos en Cee

Unha persoa tivo que ser liberada polos bombeiros de Cee tras quedar atrapada no seu turismo a consecuencia dun accidente con 3 vehículos implicados no municipio de Cee.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse na parroquia de A Pereiriña. Pasados uns minutos das 18 horas da tarde, un particular implicado no accidente contactaba co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia para solicitar axuda. Indicaba que acababa de ter un accidente con 3 vehículos implicados, e que unha persoa podería estar atrapada.

Ata o punto desprazáronse os bombeiros de Cee para proceder á liberación da persoa, que foi trasladada polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia. Ademais, outra persoa doutro vehículo implicado no sinistro, tamén precisou asistencia sanitaria, e finalmente, foi trasladada.

Ata o lugar tamén se desprazaron os axentes da Garda Civil e o servizo de mantemento da estrada, os cales se encargaron de restablecer o tráfico da vía.

Dúas persoas feridas en Redondela nunha colisión entre dous turismos

Dúas persoas resultaron feridas esta tarde en Redondela nunha colisión na que se viron implicados dous turismos. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, foi necesario excarcerar a unha das vítimas, ao quedar atrapada no interior dun dos vehículos accidentados.

O sinistro produciuse na estrada que une Redondela e o aeroporto, á altura da parroquia de Cedeira.

Foi unha persoa particular quen alertaba do ocorrido ao 112 Galicia ao fío das 14:55 horas e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil da localidade e aos Bombeiros do Baixo Miño e de Vigo.

Finalmente, as dúas persoas feridas no sinistro foron trasladadas ata o centro hospitalario de referencia.

Unha muller queda atrapada tras unha colisión frontal en Pontevedra

Unha persoa que viaxaba nun dos vehículos implicados no accidente, quedou atrapada tras unha colisión frontal na PO-542, ao seu paso por Marcón, Pontevedra.

Desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos bombeiros de Pontevedra, que procederon á excarceración da ferida para o seu posterior traslado ao centro hospitalario de referencia. Segundo comunican os profesionais de emerxencias, tiveron que cortar unha porta do vehículo para acceder á muller que se atopaba atrapada.

A chamada dun particular ao 112 Galicia produciuse pasados dez minutos das 17:30 horas da tarde. A persoa informaba dunha colisión frontal entre dous vehículos, á cal, ademais dos bombeiros, tamén se desprazaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, os axentes da Policía Local e os membros de Protección Civil. 

Con todo, unha persoa máis implicada no accidente tamén tivo que ser desprazada ao centro hospitalario de referencia para recibir asistencia médica.

Rescatan a unha persoa que caeu ao mar no porto de Vilagarcía de Arousa

Unha persoa precisou ser trasladada ao Hospital do Salnés despois de caer esta tarde ao mar no porto de Vilagarcía de Arousa.

Os feitos sucederon ao fío das 18:30 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do ocorrido.

Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia. Ademais, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil, da Policía Local e Nacional e de Protección Civil da localidade.

facebook twitter instagram