Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

O equipo de busca atopa o corpo sen vida do mariñeiro desaparecido en Ons o pasado martes

O equipo de busca localiza o corpo sen vida do mariñeiro que desapareceu en Ons o pasado martes despois de envorcar a súa embarcación.

Concretamente, foi o traballo dos mergulladores da Garda Civil o que permitiu rescatar o cadáver do mariñeiro.

Así o comunicaron ao 112 Galicia os membros do operativo de rescate cando se achegaban as dúas e media desta tarde. Cómpre recordar que o rastro do mariñeiro perdeuse o pasado martes cando envorcou a embarcación coa que pescaba xunto con outros dous tripulantes, que foron rescatados en bo estado de saúde. 

A partir de aí, activouse un operativo de busca que contou coa participación de diversos equipos de emerxencias ata, esta tarde, os mergulladores da Garda Civil deron co corpo sen vida do mariñeiro preto do lugar onde ocorreu o accidente. 

Co este equipo, traballaban na zona efectivos de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia. Igualmente, durante estas xornadas contouse coa axuda dos membros do GES de Sanxenxo, do Servizo Local de Protección Civil do Grove e de Ribeira, do GES de Muros, do vixiante do Parque Nacional das Illas Atlánticas e dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. 

Catro vehículos víronse implicados nunha colisión no Pino que se saldou cunha persoa ferida

Catro vehículos, tres turismos e un camión, víronse implicados nun accidente de tráfico rexistrado na N-634, ao paso polo concello do Pino.

Como consecuencia do accidente, unha persoa resultou ferida, polo que foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Ademais, o impacto deixou moitos restos na calzada, así que foi necesaria a intervención do equipo de limpeza e mantemento de Fomento. 

A alerta sobre este accidente activouse no 112 Galicia ás 16:30 horas de hoxe, despois de recibir a información a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladaron a unha persoa ferida ao CHUS. Pola súa banda, os axentes da Garda Civil organizaron o tráfico e tratar de recoller todos os datos relacionados co sinistro.

Outro accidente múltiple en Culleredo
Tamén en Culleredo se rexistrou esta tarde un accidente no que se viron implicados dous turismos e un camión. Ao igual que no Pino, a causa do golpe, unha persoa necesitou asistencia médica e foi trasladado ao Hospital San Rafael da Coruña.

Ademais dos servizos sanitarios, ao lugar do sinistro acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico despois de alerta do 112 Galicia ás 15:00 horas.

O choque produciuse en Ledoño.