Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Tres persoas foron excarceradas, unha delas falecida, tras unha colisión frontal en Malpica de Bergantiños

Os equipos de emerxencias confirmaron o pasamento dun dos implicados. As outras dúas persoas excarceradas foron evacuadas ao centro hospitalario de referencia, unha a bordo dun helicóptero medicalizado e outra en ambulancia.

Dez minutos despois das 14 horas, varios particulares contactaron co 112 Galicia para explicar que presenciaran un choque frontal entre dous coches no quilómetro 6 da AC-418, á altura da parroquia de Leiloio. Xa desde o primeiro momento apuntaban que podía haber persoas atrapadas en ambos vehículos.

Nada máis recibir o aviso, desde o 112 Galicia activouse un operativo no que participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Carballo, o GES de Ponteceso, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e os voluntarios de Protección Civil de Malpica de Bergantiños, así como os servizos de mantemento da estrada.

Cando chegaron ao punto, os equipos de intervención confirmaron a gravidade do accidente e procederon a excarcerar a tres persoas. Dúas delas foron atendidas e trasladadas polos profesionais sanitarios, que desprazaron ao lugar ambulancias e a aeronave medicalizada con base en Santiago. Lamentablemente, non puideron facer nada por salvar a vida dun terceiro implicado, cuxo falecemento foi confirmado no lugar dos feitos.

Un home ferido ao electrocutarse mentres tallaba unha árbore apoiada nuns cables eléctricos en Crecente

Un home resultou ferido de consideración esta tarde en Crecente ao electrocutarse cando cortaba unha árbore que estaba apoiada nuns cables de electricidade.

Sucedeu no lugar de Tixosa, na parroquia de Rebordechán, ao fío das 15:30 horas.

Debido á gravidade do accidente, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou un helicóptero medicalizado ata unha zona próxima ao lugar dos feitos.

Foi o persoal sanitario quen alertou do ocorrido ao 112 Galicia e, decontado, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención da Garda Civil, do GES e Bombeiros de Ponteareas e da empresa subministradora de electricidade.

Un desprendemento de terra provoca o descarrilamento dun tren en San Sadurniño sen rexistrarse danos persoais

Cubría a ruta entre Ribadeo e Ferrol e no vagón accidentado viaxaban catro pasaxeiros que resultaron ilesos.

Ás 18:10 horas, o 112 Galicia recibiu unha chamada por parte do centro de control de Renfe. Durante a comunicación cos xestores de emerxencias, indicaban que o tren descarrilou nas proximidades do apeadoiro de Lamas, á altura do lugar de Fabal, e que ninguén resultou ferido.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse aos Bombeiros do Eume e á Garda Civil. Igualmente, desde ADIF comunicaban que o seu persoal encargaríase de trasladar aos pasaxeiros coa axuda doutro convoi, ademais de levar a cabo os labores de remolque do tren, tarefas que realizan nestes momentos.

Unha colisión entre un microbús e tres turismos en Sarria sáldase cunha persoa ferida

O 112 Galicia tivo coñecemento esta tarde dunha colisión en Sarria entre un microbús no que viaxaban quince menores e tres turismos, dos cales dous deles se atopaban aparcados no momento do accidente. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, unha muller que conducía un dos coches accidentados resultou ferida e foi trasladada a un centro médico.

Os feitos sucederon na Avenida de Becerreá, á altura do número 24, uns minutos antes das 14:45 horas.

Nese momento, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contactaba co 112 Galicia para dar conta do accidente.

Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento da Policía Local, dos Bombeiros de Sarria e de Protección Civil.

Segundo puido saber o 112 Galicia, os menores que viaxaban no autobús puideron chegar ás súas paradas noutro coche de liña.

facebook twitter instagram